As acrobacias de Pablo Méndez e a música de Celme adornan a inauguración das Series Mundiais

Pontevedra
21 de setembro 2023

A compañía pontevedresa ofreceu un vistoso espectáculo este xoves na Praza de España na primeira das actuacións previstas na 'galFESTA' asociada á Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon. A Agrupación Folclórica CELME completou a xornada. Este venres, quenda para Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre 

Actuación de Pablo Méndez Performance tras a inauguración da Gran Final das Series Mundiais
Actuación de Pablo Méndez Performance tras a inauguración da Gran Final das Series Mundiais / Mónica Patxot

A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon xa está aquí. Pontevedra entrou de cheo no gran evento deportivo co desfile de participantes e inauguración oficial dos campionatos.

Neste acto era a momento de estrear as actividades artísticas e musicais que acompañarán á cita deportiva na bautizada como 'galFESTA'.

Os encargados de facelo foron os profesionais da compañía pontevedresa Pablo Méndez Performances, que coas súas acrobacias sorprenderon os deportistas e afeccionados que enchían a Praza de España grazas ao espectáculo bautizado como 'Atempo'.

Ademais da súa espectacular actuación, e tras os discursos das autoridades, completou a xornada a Agrupación Folklórica CELME.

Foi só a primeira das citas programadas no escenario habilitado no centro da cidade, e ao que este venres 22 de setembro (21.30 horas) subirán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

A 'galFESTA' do tríatlon completarana o sábado 23 (21.30 horas) o grupo De Vacas e o domingo 24 o músico Carlos Núñez, que poñerá o colofón aos actos tras a cerimonia de clausura da Gran Final.