Ana Pontón ve abertas as eleccións cun resultado que dependerá de que os indecisos "collan a papeleta do BNG"

Pontevedra
11 de febreiro 2024

A candidata do Bloque Nacionalista Galego cre que "se toda a xente que quere cambio une o seu voto no BNG, o 18F o PP pasa á oposición e imos ter unha presidenta que vai traballar para darlle un futuro mellor aos galegos é as galegas"

Ana Pontón no mitin do BNG celebrado este domingo 11 de febreiro en Ferrol
Ana Pontón no mitin do BNG celebrado este domingo 11 de febreiro en Ferrol / Bloque Nacionalista Galego (BNG)

Para a candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, as eleccionaes autonómicas presentan un panorama moi aberto. Por ese motivo incidiu este domingo no seu acto principal da xornada electoral en Ferrol que o resultado final está no 20% de indecisos que sinalan as enquisas.

Segundo a nacionalista todo dependerá de que esas persoas que aínda non teñen decidido o voto "collan a papeleta do BNG", porque "se toda a xente que quere cambio une o seu voto no BNG, o 18F o PP pasa á oposición e imos ter unha presidenta que vai traballar para darlle un futuro mellor aos galegos é as galegas", afirmou.

"Dá igual o que votaran noutras ocasións, este é o momento de que todas as persoas que queren cambio e queren abrir un tempo novo en Galiza aposten todo á papeleta do BNG", incidiu Pontón.

A cabeza de lista do BNG lembrou de feito o exemplo das enquisas que nas útimas eleccións xerais dáballe o triunfo ao popular Alberto Núñez Feijóo para incidir en que "hai partido" en Galicia, polo que o seu reto é "transformar as ganas de cambio en votos, unindo na papeleta do BNG a todas as persoas que queren ese cambio".

“Quero ser a presidenta dos galegos e das galegas para defender a sanidade pública, para poñer en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida  nas súa casa; para darlle oportunidades á xente nova para que teña futuro aquí e non se vexa na obriga de emigrar e para seguir construíndo unha Galiza que aposte pola igualdade e polo feminismo", concluíu a candidata.

Arquivado en