Ana Pontón: "Os que queren cambio deben concentrar o voto no BNG. Somos a garantía para abrir unha nova etapa"

09 de febreiro 2024

Á terceira, di o coñecido refrán, vai a vencida. É o que espera Ana Pontón, que se mostra convencida de que o cambio, esta vez si, chegará a Galicia. A líder do BNG cre que este país "non só está preparado senón esperanzado de que ese cambio se produza"

Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta
Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta / Mónica Patxot

Á terceira, di o coñecido refrán, vai a vencida. É o que espera Ana Pontón (Sarria, 1977), que se mostra convencida de que o cambio, esta vez si, chegará a Galicia. A líder do BNG cre que este país "non só está preparado senón esperanzado de que ese cambio se produza".

Tras quince anos de goberno do PP "que nos deixaron unha Galicia peor", Pontón defende que "é o momento de apostar por algo novo e diferente" e poñer á fronte da Xunta a unha muller como ela, "coas mans libres para defender os intereses deste país".

Nesta entrevista con PontevedraViva, Pontón debulla as súas propostas para situar a Galicia "no lugar que lle corresponde". Afirma que "o que queremos é construír un país en grande" e para iso, reitera, "o que lle pedimos á xente é que salga a pelexar por un futuro mellor".​

Cre de verdade que sopran ventos de cambio en Galicia?

É o que estou a sentir e o que estou a ver nas rúas. En Galicia hai unha maioría que quere cambio e a clave para que se produza é que todas esas persoas vaian votar. Que non se perda nin un só voto para o cambio. Se o facemos así, imos abrir un tempo novo para os galegos e galegas, de ilusión, de esperanza e de poder enfrontar con garantías o futuro.

É un momento moi ilusionante e estou convencida de que temos ao alcance da man facer historia coa primeira muller presidenta que tivo este país. Se queremos algo diferente, temos que apostar por algo distinto. Este é o momento.

A que nos enfrontamos os galegos e as galegas este 18F?

O que se decide é se imos ter un presidente do PP ou unha presidenta do BNG. O que lle pedimos á xente deste país é que salga a pelexar por un futuro mellor. Levamos quince anos de retroceso, vendo como os principais indicadores de Galicia van a menos. 

O que queremos é construír un país en grande, que aposte pola sanidade pública, por unha educación de maior calidade, que faga unha transición cara a unha economía do coñecemento, a ciencia e a investigación e que poña en marcha un novo modelo enerxético, para que a enerxía deste país en vez de soprar para uns poucos sopre para todos e todas.

Un posible exceso de confianza pode ser un perigo para o BNG?

Eu o que teño moi claro é que ante unhas eleccións nunca hai nada feito. A clave é que haxa esa gran mobilización o próximo 18 de febreiro, que todas as persoas que queren un cambio concentren o seu voto no BNG, porque é a garantía de que vaiamos ter un tempo novo, abrir unha nova etapa e darlle un futuro mellor á xente deste país.

Que Galicia deixa Rueda -e Feijóo- despois de todos estes anos?

Déixannos unha Galicia peor. Temos unha sanidade pública con listas de espera para ir ao médico de cabeceira, temos 11.000 nenos sen pediatra, temos 200.000 persoas emigradas e unha mocidade que ve con pesimismo o seu futuro porque hai condicións moi negativas de emprego e de acceso á vivenda ou vemos como non foron capaces de facer nin unha soa residencia pública. 

Agora en campaña, prometen que vai facer cousas que non fixeron en 15 anos. É evidente que son o pasado, que o BNG representa ao futuro. Temos confianza neste país e na súa xente e estou segura de que desde o goberno galego podemos facer grandes cousas. Podemos construír unha Galicia da que nos sintamos moito máis orgullosos e orgullosas. Ese é un gran reto.

Muller, nacionalista e de esquerdas. Está Galicia preparada para un goberno do BNG?

Creo que non só está preparada senón esperanzada de que ese cambio se produza, porque en 43 anos tivemos seis presidentes, todos homes e de forzas estatais. Xa nos demostraron que non foron capaces de situar a este país no lugar que lle corresponde.

É o momento de apostar por algo novo e diferente. De poñer á fronte a unha muller coas mans libres para defender os intereses deste país, porque a min desde Madrid ninguén me vai a poñer límites para defender a vida dos galegos e das galegas.

Sei que aos políticos non lles gusta falar de pactos, pero todo pasa, como mínimo, por unha alianza co PSOE de Gómez Besteiro. Serán capaces de pactar un goberno unido?

"Galicia non só está preparada senón esperanzada de que ese cambio se produza. É o momento de apostar por algo novo e diferente"

Quen primeiro ten que falar é a cidadanía nas urnas porque son eles cos seus votos os que deciden o papel que nos dá a cada quen. En todo caso, temos unha ampla experiencia e unha capacidade para poder entendernos e para poder chegar a acordos a favor dos galegos e das galegas. Esa vai seguir sendo a disposición coa que traballaremos.

E cre que poderá prexudicarlles a división da esquerda con Sumar e Podemos?

A división prodúcese non só dun lado, senón tamén doutro. Eu a quen vexo moi preocupado polo pluralismo político é ao PP, que pide mesmo a unha forza política que non se presente. Nós somos demócratas. Cremos que o pluralismo é un valor en democracia e que logo é a cidadanía a que decide co seu voto que representación nos dán.

Pola contra, desde o BNG lograron reunificar a todo o nacionalismo galego. Está satisfeita con ese acordo con Anova?

Estou moi agradecida e ilusionada co apoio que desde Anova se deu á candidatura do BNG. Creo que estamos no momento de multiplicar, de unir forzas para defender o cambio que necesita este país. Agradezo moito a altura de miras de Anova que sabe que disputarlle a presidencia ao PP depende desa concentración de voto no BNG. Para min é un motivo de moita alegría, igual que para moita cidadanía, lograr ese reencontro.

Durante estes últimos anos, unha das liñas de traballo do BNG foi "resetearse", e achegarse a sectores dos que tradicionalmente estaba máis afastado. Está a funcionar esa estratexia?

Eu creo que hoxe hai unha maioría de galegos e galegas que ve con enorme simpatía ao BNG e que ve que é a forza que mellor representa aos seus intereses, porque somos unha forza que antepón os intereses dos galegos e das galegas.

Tivemos esa capacidade de ler o que estaba a pasar nun momento determinado na sociedade e demostramos ter un proxecto sólido e serio de país, centrado nas persoas e con capacidade para poñer en marcha un gran proxecto de futuro co que poder encarar os retos deste tempo e dar aos galegos o mellor goberno da súa historia.

Presume ademais de ter as 'mans libres' para actuar. Sen inxerencias externas. É así?

Iso é clave porque vemos como o resto de forzas estatais sempre están subordinadas aos intereses das súas direccións madrileñas e iso ten custos para a vida dos galegos e das galegas. Vémolo, por exemplo, coa enerxía. Somos a única oferta política que defende que hai que poñer a enerxía ao servizo da sociedade galega.

Nós podemos defender a creación dunha compañía 100% pública, podemos defender unha tarifa máis baixa para os galegos e as galegas ou podemos defender que hai que frear este boom eólico depredador e poñer en marcha un modelo que sexa racional, que respecte o medio ambiente e que faga que os beneficios da enerxía eólica sirvan para crear riqueza e emprego en Galicia. Isto só se pode defender coas mans libres e é o que ofrecemos aos galegos e ás galegas, un goberno que antepoña a defensa dos intereses deste país e da súa xente.

E considera que os votantes -e os partidos- lograremos abstraernos da política nacional?

"Estas eleccións non son nin un premio de consolación de Feijóo nin unha reválida de Sánchez. Estas eleccións van de Galicia, da vida dos galegos e das galegas"

Paréceme unha falta de respecto que nunhas eleccións galegas pretendan que se fale de todo menos de Galicia. Estas eleccións non son nin un premio de consolación de Feijóo nin unha reválida de Sánchez. Estas eleccións van de Galicia, da vida dos galegos e das galegas. Que sanidade queremos, como mellorar a educación, como atender mellor ás persoas maiores ou como darlle un mellor futuro aos mozos deste país para que non teña que seguir emigrando. 

Se hoxe o BNG lidera a alternativa ao PP é precisamente porque a cidadanía está farta desa crispación madrileña e de que se secundaricen os seus problemas. Queren ser os protagonistas dunha nova páxina na historia. Se algo achegou o BNG á política é unha forma de facer política que se afasta desa crispación, dese sectarismo extremo que estamos a ver que opera no ámbito de política estatal.

Que modelo propón o BNG para que Galicia creza e supere as súas debilidades económicas?

Necesitamos, en primeiro lugar, captar investimentos. A día de hoxe temos unha taxa 6,5 puntos inferior á española. O que propoñemos é poñer en marcha un plan de desenvolvemento industrial e tecnolóxico que nos permita incrementar en oito puntos o peso da industria no noso PIB. 

En segundo lugar, hai que apostar por unha economía do coñecemento e por un gran pacto pola ciencia que nos sitúe na media dos países europeos e en terceiro lugar creo que necesitamos recuperar os nosos sectores produtivos.

Temos unhas rías que cada vez producen menos, teñen un problema grave. É evidente que hai que coidalas mellor. Nós imos poñer en marcha un plan para rexenerar e recuperar a capacidade de produtiva das nosas rías, que son un gran motor económico do noso país. 

A crise dos pellets parece que incrementou a preocupación da xente polo mar, polo estado das nosas rías. Tamén hai moito que facer nese ámbito, non?

En Galicia temos unha gran sensibilidade de ambiental. O Prestige marcou a varias xeracións e penso que una das leccións que aprendemos é que hai coidar mellor o noso mar. Non é unha lección que aprendese o PP porque na xestión desta crise volveron demostrar que a súa forma de afrontala é como co Prestige, con mentiras, con ocultación e con incompetencia.

Eu quero ser unha presidenta que coide do mar e do noso medio ambiente. Por iso, unha das medidas que impulsaremos será poñer en marcha un plan de limpeza do noso litoral para que se retiren todos eses materiais plásticos que estamos a ver aí, non só cando hai unha crise, senón os 365 días do ano, e que tamén teñamos ese plan de rexeneración das nosas rías que nos permita que recuperen todo o seu esplendor e potencia.

O espolio enerxético, do que falaba antes, é un dos cabalos de batalla do seu partido. Estamos a tempo de frear a situación actual?

Eu creo que estamos no momento adecuado para poder cambiar o modelo. Temos que pararnos a pensar como planificamos a transición enerxética no noso país. O modelo actual é un modelo ao servizo das eléctricas e do centralismo. Temos que darlle a volta.

Temos que poñer en marcha un novo modelo no que planifiquemos canta enerxía necesita Galicia, que digamos cales son as zonas nas que esa produción enerxética é compatible con outras actividades e co medio rural e que, ademais, fagamos algo básico. Que a enerxía e a riqueza eléctrica deste país se poña ao servizo da sociedade e das empresas porque a día de hoxe non temos ningún beneficio.

Temos os custos ambientais, pero pagamos a mesma factura da luz. Creo que é algo que ten que cambiar e a forma para facelo é un goberno do BNG, que vai defender que a enerxía eléctrica que se produce en Galicia ten que estar ao servizo das familias e dun maior desenvolvemento económico.

Reforzar os servizos públicos, empezando pola sanidade, é tamén outro dos compromisos que adoptou o BNG. Ante o estado actual, será unha prioridade?

A sanidade leva quince anos de recortes e privatización. Só á Atención Primaria o PP quitoulle 2.000 millóns de euros. Quero ser a presidenta que recupere a sanidade pública. Como? Pois tomando nos 100 primeiros días unha medida como é un plan de rescate de Atención Primaria, dotado cun mínimo de 200 millóns de euros, para dotala de máis medios e máis recursos, impulsando un novo modelo que inclúa máis especialidades, entre elas a psicoloxía clínica.

Ou ampliando servizos como a saúde bucodental, Nós queremos poñer en marcha un plan de atención á saúde bucodental para que, ao longo da lexislatura, actuacións como limpezas, reparación de caries ou o cambio de pezas na boca estean cubertas polo noso sistema sanitario público e non vexamos que a dentadura dunha persoa sexa un indicador da súa clase social. Na práctica hai unha cobertura moi pequena no sistema sanitario.

Galicia enfróntase tamén a dous problemas estruturais, o abandono das terras rurais e a emigración dos mozos. Hai marxe de manobra desde o goberno da Xunta?

"Coa AP-9 hai que ir cara a un rescate da concesión. Esta será unha proposta que teña Pedro Sánchez encima da súa mesa se eu son presidenta"

Creo que con outra política de apoio ao medio rural podemos cambiar esa dinámica. Podemos facelo, primeiro, cunha política de discriminación positiva. Necesitan que haxa garantías de servizos sanitario e educativos, pero tamén doutros como poden ser as novas tecnoloxías. 

En segundo lugar, temos que apoiar á xente que está a producir no medio rural e incrementar a xente que produce. Aí é básico recuperar actividades agrarias ou que fagamos que se xere unha industria que transforme os seus produtos e xere valor engadido e, en terceiro lugar, tamén hai que diversificar a actividade económica.

Por iso outra das propostas que levamos no noso programa de goberno é o ticket rural para que aquelas emprendedoras e emprendedores que decidan emprender no rural teñan durante cinco anos un desconto de 15.000 euros nas súas cotizacións como autónomos.

Son medidas que buscan revitalizar o noso medio rural e sen esquecernos de que temos que enfrontar un cambio no modelo forestal, porque estamos a ver que os incendios son un problema moi grave e que temos un monte moi produtivo pero que hai que apostar por un novo modelo que sexa multifuncional e con madeira de calidade.

Outro ámbito no que o BNG está a facer fincapé é no déficit de infraestruturas, especialmente en materia ferroviaria e no agravio que sufrimos coa AP-9.

O primeiro, defenderemos a transferencia a Galicia das infraestruturas do Estado e coa AP-9 hai que ir cara a un rescate da concesión. Non podemos seguir soportando o agravio de ser os que temos que pagar peaxes máis caras e durante máis tempo. Esta será unha proposta que teña Pedro Sánchez encima da súa mesa se eu son presidenta.

E logo temos que traballar para que haxa que unha rede que comunique as nosas cidades por tren. O tren é o modelo do futuro e temos que ter esa capacidade para articular o país a través dun medio tan potente e tan importante.

Durante estes quince anos de goberno do PP, o goberno municipal de Pontevedra sempre se sentiu maltratado. Coincide vostede neste diagnóstico?

É evidente que durante estes 15 anos o goberno da Xunta de Galicia non se comprometeu coa cidade. En campaña electoral fan moitos anuncios, pero despois o certo é que os compromisos son moi poucos.

Cal sería o proxecto prioritario do BNG para esta cidade? 

Eu creo que aí hai cuestións que teñen que ver coas comunicacións como é a variante de Alba que hai que impulsar, así como mellorar todas as redes de servizos públicos que dependen da Xunta. O que creo, ademais, é que temos que ter unha política que permita a especialización das cidades.

As cidades xogan un papel importantísimo para darlle dinamismo ao noso país e temos que pensalas en rede e non competindo entre elas. Desde a Xunta de Galicia debemos ter unha estratexia que permita resituar os espazos urbanos e darlles máis potencia desde o punto de vista económico e darlle máis calidade de vida das persoas que viven nela.

Santa Clara debe ser unha peza importante no que o BNG chama o Museo Nacional de Galicia, o Museo de Pontevedra, un goberno con Ana Pontón á fronte que se compromete a facer?

Nós imos converter Santa Clara nun espazo que forme parte dese Museo Nacional de Galicia. Creo que Pontevedra ten as condicións para poder facelo, porque a rede do seu museo é moi importante. Traballaremos nese proxecto, que é de moito calado para a cidade e, desde logo, imos impulsalo.

Vostede sempre pon de exemplo a Pontevedra como o modelo de cidade e de mobilidade que quere estender a toda Galicia. Cre que será posible cun goberno do BNG na Xunta?

"É evidente que durante estes 15 anos o goberno da Xunta de Galicia non se comprometeu coa cidade de Pontevedra"

Creo que un goberno do BNG na Xunta debe ter unha axenda urbana que aborde os problemas de mobilidade e que permita que modelos de éxito que xa están a funcionar aquí, que lle dan máis dinamismo ás cidades e melloran a vida das persoas poidan impulsarse noutras cidades do noso país.

O BNG logrou no pacto de investidura con Sánchez o tren de proximidade Vigo-Pontevedra. Será unha realidade nesta lexislatura?

Está así asinado e é un compromiso que o Goberno central ten que cumprir. Vai ser ademais unha lexislatura na que o BNG vai ser moi decisivo en moitos momentos e imos ser absolutamente esixentes con Pedro Sánchez. Non só nos compromisos que están asinados senón tamén en moitos outros que están pendentes.

Parece que os gobernos de Madrid e Lisboa presionan para priorizar a ligazón entre ambas as capitais sobre o AVE Vigo-Porto-Lisboa.

Nós temos un compromiso moi firme con esta liña. No acordo de investidura o que se contempla é que o Goberno central ten que acabar a parte que lle corresponde no horizonte de 2030 para que esa conexión póidase facer compasada en ambos os lados da raia, porque cremos que é un proxecto estratéxico.

O que vemos, unha vez máis, é que o PP pensa o Estado desde Madrid e lamentablemente temos un presidente débil que non é capaz de defender os intereses dos galegos e galegas e que está subordinado a Madrid. Eu non vou permitir que os intereses de Madrid pesen máis que os de Galicia e como presidenta unha prioridade será esa conexión ferroviaria e que o Goberno cumpra cos seus compromisos.

Arquivado en