Ana Pontón, en Pontevedra: "Adiantemos a chegada da primavera coa primeira presidenta do BNG"

Pontevedra
02 de febreiro 2024

A candidata do Bloque pediu á cidadanía galega unha mobilización "masiva" e que concentren o voto no BNG "para darlle ao País un goberno que mellore a vida da xente" 

Mitin do BNG no Pazo da Cultura
Mitin do BNG no Pazo da Cultura

Nun mitin celebrado este venres no Pazo da Cultura de Pontevedra, a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, pediu aos galegos que "adiantemos a chegada da primavera coa primeira presidenta do BNG", despois de máis de 40 anos nos que Galicia contou "con seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais".

Co auditorio cheo ata a bandeira, Pontón animou á cidadanía a que escolla a papeleta do BNG o próximo 18 de febreiro para iniciar un novo ciclo político "que permita mellorar a vida da xente" e apelou a unha mobilización "masiva" que permita poñer en marcha "o mellor goberno de todos os tempos"

Para iso pediu concentrar o "voto do cambio" neles porque, segundo recalcou, é a "alternativa real" e Galicia "precisa un goberno que achegue solucións para deixar atrás o nefasto legado que deixa o PP".  

A candidata nacionalista afirmou tamén que Galicia merece unha presidenta "que lle diga a verdade, non un goberno que lle minta". "Señor Rueda tanta trola xa non cola", dixo.

Ana Pontón comprometeu un goberno que rescate a sanidade pública "para que a saúde non dependa da tarxeta bancaria", que coloque a enerxía "ao servizo das familias, da clase traballadora e das empresas", que impulse os sectores produtivos e o emprego de calidade "e que poña en marcha todo o potencial do País para que a xente moza non teña que facer as maletas".  

En definitiva, "un goberno capaz de pensar Galiza en grande e sen límites centralistas" porque, afirmou, "a min só me van dar ordes os galegos e as galegas porque sei moi ben a quen me debo".

"Xuntos, xuntas fagamos realidade o soño dunha Galiza mellor, témolo ao alcance da man porque o momento é agora", concluíu.

LUIS BARÁ

O número un pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, afirmou que os vindeiros quince días son decisivos para escoller entre "continuismo ou cambio" e abrir unha nova etapa "de rexeneración, de reactivación, de impulso, de ilusión, de esperanza" para poñer Galicia "entre as nacións máis avanzadas, igualitarias e prósperas".

"A min só me van dar ordes os galegos e as galegas porque sei moi ben a quen me debo"

Dixo que isto vaise facer "ao xeito do BNG de Ana Pontón: colectivamente e con xustiza", activando todo o potencial e todos os recursos do país: a riqueza dos montes, do agro, do mar, da industria, da cultura e da lingua, así como das rías, "maltratadas e degradadas coa pasividade da Xunta do PP".

Anunciou o nacionalista que o BNG impulsará desde o goberno galego o Proxecto Rías para a rexeneración ambiental e produtiva de todas as rías galegas e, en concreto, para a recuperación da ría de Pontevedra, "que queremos limpa, viva, libre da contaminación de ENCE e dunha contaminación moito peor, da contaminación das portas xiratorias e da incompetencia do Partido Popular".

Lembrou tamén Bará que este 2 de febreiro é o día dos humidais, "un dos ecosistemas máis maltratados polo goberno dos populares", poñendo como exemplo a Xunqueira de Alba en Pontevedra.  Subliñou que o goberno do BNG vai recuperar e rexenerar este enclave natural para trasladar as instalacións da Xunta e crear un gran zona verde urbana, continuando o proxecto xa iniciado desde a Deputación.

Falou Bará tamén da xustiza de "dar máis aos que máis necesitan" e fixo fincapé en que un dos piares do benestar e da equidade son os servizos públicos. Defendeu que "o goberno do BNG porá por diante de todo a defensa e o fortalecemento dos servizos públicos esenciais, da sanidade pública, do ensino público, dos coidados, da atención á infancia, á vellez, a dependencia". 

"Esta vai ser con certeza a prioridade número un do goberno do BNG, xunto coa reactivación económica e a creación de emprego", dixo, asegurando que a manifestación do domingo e as eleccións do día 18 son para defender unha sanidade de calidade.

Por último, o cabeza de cartel destacou que a campaña vai ben, "moi ben para o BNG", ao que sitúan por riba do 30% dos apoios e ao PP por debaixo do 40%, mais salientou que "non hai nada feito".

Pediu por iso a todas as persoas asistentes ao mitin que "traballen" ata o 18F porque "hai moita xente aí fóra que vai decidir o voto na campaña, máis de 400.000 persoas que van decantar o resultado final" que teñen ao BNG como "a única alternativa real para derrotar ao PP e gañar a presidencia da Xunta".

INTERVENCIÓN DE LORES

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores destacou na súa intervención que "nin que dicir ten" que para Pontevedra e a comarca contar cun goberno do BNG na Xunta "que nos acompañe" despois do 18F suporá "un salto adiante para continuar na mellora da calidade de vida das pontevedresas e os pontevedreses".

Para iso, dixo, non hai mellor presidenta que Ana Pontón, unha muller "do país, que ten os pés e o corazón na terra, e que o dará todo para que Galiza teña un futuro certo", e un ex concelleiro como Luís Bará, "que forma parte dese grupo que sabe que Pontevedra pode ser todo aquilo que queira ser, e que ten claro que Pontevedra e Galiza van da man na súa potencialidade. Todos sabemos que cando os galegos nos poñemos non hai quen nos pare", subliñou.

A tamén candidata Marta Gómez, pola súa banda, afirmou que o BNG está "a unha presiña de votos de gobernar o país" polo que pediu ás persoas presentes no Pazo da Cultura: "collede folgos, respirade fondo e o vindeiro 18 de febreiro votade BNG, facede que teñamos a primeira presidenta do goberno galego (...) para converter as ideas en feitos e facer os nosos soños realidade", porque, dixo,  "non hai nada que ilusione máis que cambiar, a mellor, a historia dun país".

Arquivado en