O presidente do PPdeG e candidato popular á Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, deron un paseo polo centro da cidade durante a tarde deste venres 23 a poucas horas para que se peche a campaña electoral.
Nesta ocasión, Núñez Feijóo e Rueda estiveron acompañados polos candidatos da cidade, Guadalupe Murillo e Jacobo Moreira.
MITIN EN VIGO
O PP non elixiu Pontevedra para pechar a campaña para as eleccións autonómicas deste domingo 25 de setembro, senón Vigo, pero a capital estivo moi presente no acto de peche no antigo Teatro García Barbón da cidade olívica. Fundamentalmente, en boca do presidente do Goberno en funcións e líder do partido, Mariano Rajoy.
Ademais de lembrar que foi aquí onde comezou a súa vida política, fixo mención especial ao Pontevedra CF, cuxa presidenta, Lupe Murillo, ocupa o quinto posto da lista electoral pola provincia.
Os símiles e referencias a cuestións futbolísticas son habituais nas intervencións de Rajoy e, nesta ocasión, respondeu o candidato do PP á Presidencia, Alberto Núñez Feijóo, que se referiu no seu discurso a que o Celta e o Deportivo perderan ante o Leganés.
"Es verdad", indicou o presidente en funcións, pero matizou: "eso tiene arreglo, quien no perdió con el Leganés en casa fue el Pontevedra, cuya presidenta va en nuestras listas electorales. Y que estaba por aquí", engadiu en alusión á presenza de Murillo no mitin.
Tamén Feijóo fixo unha referencia velada a Pontevedra, no seu caso, en termos políticos. Mentres enumeraba as achegas da Xunta de Galicia a Vigo durante o últimos sete anos de goberno do PP, sinalou que "no está mal, como diputado por Vigo, haber firmado de puño y letra la Ley de Área Metropolitana que en un artículo dice: Vigo es la capital". Cabe lembrar que a defensa da capitalidade de Pontevedra foi historicamente unha arma política de todos os partidos.