Agustín Fernández promete 'mimar' á hostalería, un piar "importante" do turismo na cidade

Pontevedra
19 de maio 2015

O turismo é un "motor fundamental" da economía de Pontevedra e, dentro deste ámbito, o peso da hostalería é moi importante. De aí que este martes o candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, Agustín Fernández, xuntara no Café Moderno unha representación dos empresarios do sector

Encontro de Agustín Fernández con hostaleiros da cidade
Encontro de Agustín Fernández con hostaleiros da cidade / Mónica Patxot

O turismo é un "motor fundamental" da economía de Pontevedra e, dentro deste ámbito, o peso da hostalería é moi importante. De aí que este martes o candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, Agustín Fernández, xuntara no Café Moderno unha representación dos empresarios do sector. Foi un encontro que cualificou como "fructífero" e celebrou os esforzos que se están facendo para "traballar todos xuntos polo que máis interesa a Pontevedra". 

O candidato socialista destacou o "peso" do sector servizos na cidade, no que traballan máis de 26.000 persoas, e por iso sinalou que "non é posible facer política municipal sen pensar nesta cuestión". Agustín Fernández explicou que o PSdeG-PSOE apostou neste último goberno municipal por impulsar os eventos deportivos ou os congresos e feiras que "están tirando do sector", un esforzo que promete continuar nos próximos anos.

No ámbito do turismo, Fernández gabou o traballo realizado pola súa compañeira Carlota Román para promocionar Pontevedra a través da Internet e avanzou que continuarán na liña de atraer aos turistas de proximidade porque máis do 80% deles veñen de Madrid, as comunidades autónomas máis próximas ou mellor comunicadas e Portugal. Ademais, apostou por traer cruceiristas e máis turistas internacionais, "pero con intelixencia e medida".

Ante as queixas dos empresarios con respecto á recollida de lixo no centro histórico, Agustín Fernández reiterou a súa proposta de modificar a colocación dos colectores e soterralos nalgunhas zonas sensibles, así como crear uns específicos para hostaleiros no interior de locais ou a recollida directa de bolsas nas portas dos domicilios.

"MALA PRAXE" NO CAMIÑO DE SANTIAGO

Por último, o candidato do PSdeG-PSOE denunciou o que, ao seu xuízo, é unha "mala praxe" na xestión do Camiño de Santiago. Asegura que unha parte dos peregrinos están a ser desviados ao Salnés á saída de Pontevedra. "Puxeron uns sinais e desinforman á xente para que vaia en dirección ás Pousadas de Louzán coa escusa de que é a ruta do Pai Sarmiento pola costa", denunciou. Trátase, dixo, dun "rodeo innecesario pode acabar xogando na nosa contra".