Ada Colau, fichaxe simbólica de Marea Pontevedra

Pontevedra
17 de febreiro 2015

Luis Rei reuniuse coa coñecida activista e varios membros de Barcelona en Comú, tales como o intelectual e investigador Gerardo Pisarello ou a portavoz de ICV, Laia Ortiz. Durante a campaña electoral manterase a colaboración de ambas forzas coa presenza de membros de Barcelona en Comú en Pontevedra

Reunión entre Luis Rei e Ada Colau en Barcelona
Reunión entre Luis Rei e Ada Colau en Barcelona / Marea Pontevedra

O candidato de Marea Pontevedra á Alcaldía, Luis Rei, mantivo unha curiosa reunión de traballo nas últimas horas. Reuniuse coa coñecida activista Ada Colau, unha das fundadoras da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e candidata de Barcelona en Comú (Guanyem) para a Alcaldía da cidade condal.

Segundo informou Marea Pontevedra, o encontro realizouse en Barcelona no marco do traballo da agrupación pontevedresa de cara a manter relación con outras iniciativas cidadás que están a xurdir nas grandes cidades do Estado. Lembran, ao respecto, que son unha candidatura municipalista, pero non localista, polo que están a manter desde o seu nacemento encontros con outras mareas e iniciativas galegas para a necesaria cooperación para abordar cuestións como a xestión das deputacións, as cooperacións estratéxicas entre concellos e a construción de marcos políticos de cambio máis amplos.

Durante a visita a Barcelona, Luis Rei tamén se reuniu con varios membros de Barcelona en Comú, tales como o intelectual e investigador Gerardo Pisarello ou a portavoz de ICV, Laia Ortiz. Segundo o acordado no encontro, durante a campaña electoral manterase a colaboración de ambas forzas coa presenza de membros de Barcelona en Comú en Pontevedra.

A reunión "une en proxectos e ilusións a cidadanía de dúas urbes do sur de Europa atacadas polas políticas de austeridade"

Luis Rei lembra que a día de hoxe Marea Pontevedra e Barcelona en Comú son as dúas primeiras iniciativas cidadás en ter despexado o seu cabeza de lista. Na súa opinión, a xuntanza  ten unha importancia simbólica pois "une en proxectos e ilusións a cidadanía de dúas urbes do sur de Europa atacadas polas políticas de austeridade". Adianta, ademais, que se creou unha unidade desde o Mediterráneo ata o Atlántico que as dúas agrupacións manterán despois das eleccións municipais de maio.

A xuntanza coincidiu cos remates dos traballos da oferta programática que Barcelona en Comú presentará esta semana e, segundo sinala o colectivo pontevedresés, Ada Colau interesouse na base programática que Marea Pontevedra xa ten aprobada.