A Xunta Electoral de Galicia acaba de estimar unha denuncia presentada polo PP pedindo a apertura dun procedemento sancionador contra o subdelegado do Goberno en Pontevedra, o socialista Abel Losada, por unha posible infracción da lei electoral durante un acto no Concello de Caldas de Reis.
A Xunta Electoral estima a denuncia e declara que Abel Losada "incorreu na prohibición" establecida no apartado 2 do artigo 50 da LOREX, pero conclúe que non procede a incoación de expediente sancionador.
O PP denunciou a visita de Losada Álvarez, realizada o día 25 de xaneiro de 2024, porque na mesma realizou diversas declaracións que lle parece que incumpren a lexislación electoral.
En concreto, o PP cuestiona que nunha nota publicada polo Ministerio de Política Territorial se recolle que "Abel Losada valoró esta intervención muy reclamada desde el Ayuntamiento y que esperamos que permita devolver a carretera a unas condiciones óptimas durante bastante tiempo..." e tamén que "el subdelegado también repasó las iniciativas del Gobierno de España en el término municipal relativas al desarrollo del suelo industrial, mejora de las infraestructuras y colaboración en materia cultural...".
Segundo o PP, tamén incumpre a normativa a frase "el subdelegado ofreció al equipo de gobierno local su máxima colaboración para materializar las diferentes actuaciones que reclama el Ayuntamiento a lo largo de la legislatura y recordó el compromiso del Ejecutivo de Pedro Sánchez con los municipios gallegos y sus habitantes".
O subdelegado pontevedrés respondeu a esta denuncia explicando que se trata dunha "visita ordinaria que debe interpretarse tamén como información necesaria para as persoas usuarias da N-640" e sinalou que non existe no texto da denuncia nin nos textos das publicacións achegadas "connotacións electoralistas nin campaña de logros, polo que solicita o arquivo do procedemento incoado por mor da denuncia".
Esta visita, segundo a Xunta Electoral, "en principio ben podería encadrarse no ámbito da actividade ordinaria da Administración do Estado" como refire o propio denunciado nas súas alegacións, pero "non resulta procedente" que se "aproveite unha visita deste tipo para efectuar manifestacións das realizacións e logros obtidos, con independencia de que os proxectos aos que se aluda non sexan exclusivos da Comunidade Autónoma".
No presente caso, as manifestacións e valoracións efectuadas polo subdelegado do Goberno ante os medios de comunicación, á marxe de que fora o Concello quen os tivera convocado, acerca das obras de reasfaltado da N-640 ao seu paso polo dito Concello, e do resto das iniciativas do Goberno de España no termo municipal relativas ao desenvolvemento do solo industrial, mellora das infraestruturas e colaboración en materia cultural, "teñen un claro contido electoralista".
As expresións utilizadas acerca desas realizacións e logros obtidos e a súa difusión polos medios de comunicación e alomenos nunha páxina web aberta ao público, determinan que nese acto o Subdelegado do Goberno en Pontevedra, para a Xunta Electoral, "incorreu na prohibición prevista no artigo 50. 2 da LOREX", que mantén que "non é posible que en actos financiados polos poderes públicos se realicen actuacións que teñan contido electoralista ou se empreguen como campaña de realizacións ou logros obtidos".