A Virxe Peregrina non é a patroa da Boa Vila

Pontevedra
10 de agosto 2023

A Virxe Peregrina non é a patroa da Boa Vila, é da provincia de Pontevedra desde xullo de 1955, cando o Pleno da Deputación aprobou  "proclamar patrona de esta Excelentísima Diputación a la divina Virgen Peregrina"

Virxe Peregrina
Virxe Peregrina / Paula Sanmartin

A Virxe Peregrina non é a patroa da Boa Vila, é da provincia de Pontevedra desde xullo de 1955, cando o Pleno da Deputación aprobou "proclamar patrona de esta Excelentísima Diputación a la divina Virgen Peregrina".

Desde entón e ininterrompidamente, a Administración provincial lembra este Patronazgo Mariano cunha ofrenda anual á Virxe. 

A actual imaxe da nosa Señora do Refuxio ou Virxe Peregrina, patroa tamén do Camiño portugués a Santiago, é de 1867 e é obra do escultor catalán Luís Vermell i Busquets que a fixo en metal sendo unha figura de vestir, o que se denomina "de candelero", ou sexa, un busto sobre baleas suxeitas a unha base. Ten 16 traxes completos e outros tantos chapeus.

Pero cal é entón a patroa de Pontevedra? A Virxe da O, a virxe embarazada ou da Boa Esperanza que espera a súa próxima maternidade, é a patroa da Boa Vila.

A súa imaxe venérase na igrexa de San Bartolomé e a súa festividade celébrase o 18 de decembro. Nun lateral da Basílica de Santa María a Maior houbo unha pequena capela cun altar exterior da Virxe da O, mais hoxe non se conserva.

Se o estaban preguntando, a patroa de Galicia é Santa María, a Virxe da Asunción cuxo culto se remonta ata o século IX, cando foi declarada patroa de Galicia polo Rey Alfonso III.

SAN SEBASTIÁN

E cal é o patrón da Boa Vila? Pois o patrón de Pontevedra é San Sebastián que ademais ten o voto da cidade, aínda que durante moitos anos o patrón foi San Bartolomé segundo recolle unha recseña do Pai Sarmiento.

A substitución dun patrón a outro vén de xaneiro de 1515 cando, durante un grave episodio de peste, a entón vila de Pontevedra ofreceuse a San Sebastián, con motivo da proximidade da súa festa e dada a súa especial intercesión para librar de calquera enfermidade a persoas e urbes. Como queira que o brote de peste remitiu grazas as devotas oracións dos pontevedreses, desde entón réndeselle a este santo unha especial homenaxe cada 20 de xaneiro, figurando como un dos principais protectores da cidade, xunto a San Roque (outro gran avogado fronte ás epidemias).

Actualmente a festa de San Sebastián ten un carácter laico centrado na cerimonia de entrega dos Premios Ciudad de Pontevedra e o alcalde xa hai anos que non renova aquel Voto.