2017 volveu ser un ano de incendios forestais, que chegaron a lembrar a onda de fai máis dunha década. Nesta ocasión, o venres 14 de outubro comezaba outra etapa crítica na historia de Galicia, que deixou catro vítimas mortais.
O lume estendíase polo sur da provincia en puntos como Ponteareas-Padróns e afectaba os termos municipais de Redondela e Pazos de Borbén. O fume víase desde primeiras horas desde a ría de Pontevedra. A seca e a presenza de ventos fortes provocaba que as lapas continuasen estendéndose.
Nesta contorna, os concellos máis afectados foron os de Ponte Caldelas, Caldas de Reis e Cotobade, con ao redor de 5.000 hectáreas queimadas. Centenares de incendios chegaron a provocar risco para os habitantes de casas en distintos puntos e, nalgúns casos, os veciños perderon propiedades. Unha vez máis, houbo críticas á Xunta e denunciábase a descoordinación das brigadas.
Tras o impacto, iniciáronse campañas solidarias cos veciños afectados, principalmente, en Ponte Caldelas, así como traballos de intervención nos montes queimados, co obxectivo de evitar que a chegada de choivas puidese arrastrar as cinzas e chegar ao mar provocando a destrución dos bancos marisqueiros. Ademais , sementábase centeo e repartíase forraxe para o pasto entre os gandeiros da zona.
Unha vez máis, os incendios volveron expor a necesidade de acometer políticas forestais nas que se desenvolvan medidas previsoras e se planten especies que eviten a proliferación do lume dunha maneira rápida.