En 1999, doce artistas internacionais, comisariados por Rosa Olivares e Antón Castro, instalaban as súas obras na Illa do Covo, un espazo privilexiado no río Lérez: Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Ian Hamilton Finlay, Jenny Holzer, Francisco Leiro, Richard Long, Robert Morris, Anne & Patrick Poirier, Ulrich Rükriem e Enrique Velasco.
Once deles desprazáronse a Pontevedra e dirixiron o proceso creativo e a istalación in situ. Só un dos artistas declinou asistir á colocación da súa obra na popularmente coñecida como Illa de Esculturas. O seu nome: Ian Hamilton Finlay. O motivo: a súa agorafobia crónica.
Moi novo, cando andaba pola vintena, o artista comezara a sufrir os primeiros síntomas deste grave trastorno que lle provocaba unha ansiedade e angustia intensas en situacións sociais e lugares onde pode resultar difícil escapar ou nos que perciba que en caso de entrar en crise non poida dispoñer de axuda.
OBRA DE AMOR A PONTEVEDRA
Desde o seu estudo en Escocia, Ian Hamilton Finlay (1925 - 2006) establecía un idilio coa Illa de Esculturas a través da súa obra: Petrarca. Un conxunto de tres medallóns de lousa verde de Lugo co nome do poeta italiano gravado e do número en caracteres romanos dun soneto en cada peza: Petrarca XXXV, Petrarca CXXXII e Petrarca CCCX. Deste xeito, Hamilton convida o espectador a buscar e descubrir que se esconde nesta clave numérica. Versos de amor e soidade cos que entra en comunicación co observador.
"Se non é amor, que é o que sinto entón?
Mais se é amor; por Deus, que cousa e como?
Se boa é, por que é mortal o seu efecto?
E se mala, por que é doce o tormento?"
(PETRARCA. CXXXII)
Como toda relación a distancia, desde o seu confinamento, o artista escocés nado en Bahamas engadiu á súa obra un compoñente do amor que coñecía ben: a soidade. Segundo se explica no catálogo da Illa de Esculturas editado por Olivares & Asociados, Hamilton Finlay retorna en Petrarca ao tema recorrente "de procura dun lugar apartado para meditar a soas cun mesmo, un lugar que en sintonía co noso espírito poida facernos entender o que estala e se remansa no noso interior".
Os tres medallóns repousan nunha das zonas máis afastadas ao norte da Illa do Covo, en tres eucaliptos a cinco metros de altura. Cada un mira a un punto cardinal diferente, para xogar co Sol nas diferentes franxas do día. Actualmente, un dos medallóns atópase oculto case na súa totalidade polas ramas do eucalipto que lle dá acubillo, nun paralelismo libre co carácter do seu creador.
RECLUÍDO EN LITTLE SPARTA
Que era aquilo que ao tempo estalaba e se aquietaba no interior de Ian Hamilton? O seu refuxio e estudio durante 40 anos, nomeado como Little Sparta, dános algunhas claves. Unha leira de 2 hectáreas que desde 1966 foi o fogar de Hamilton Finley e a súa segunda esposa, Sue, quen se encargaba de trasladarse aos lugares onde estivese programada unha intervención artística. Cando se lle propuxo instalar unha obra como as do seu refuxio escocés miles de quilómetros aló, en Pontevedra, o matrimonio xa se separara, e foi a súa asistente Pia Maria Simig a que coordinou os traballos na Illa de Esculturas, coa supervisión de Hamilton na distancia.
Ian Hamiltom deseñaba pero non construía as súas esculturas. Deste xeito, confinado no seu estudo, rexeitaba abandonar os límites de Little Sparta. Illado do mundo, nos seus últimos anos a vida deparáballe un xiro inesperado. "A loita de toda a vida de Ian Hamilton Finlay contra a agorafobia tivo unha conclusión extraordinaria. Sufriu un derrame cerebral preto do final da súa vida que reverteu a súa fobia e permitiulle viaxar algunha vez máis", revela Martine F. Pugh nun artigo en Art in Healthcare.
O obituario publicado por The Independent ofrece máis detalles. "Cando sufriu o primeiro dunha serie de derrames cerebrais, ao redor do cambio de século, este vínculo caseiro disipouse estrañamente. Nos seus últimos anos foi ás súas inauguracións, foi a restaurantes, visitou amigos, foise ao estranxeiro. Os proxectos xa concibidos continuaron executándose". Malia estas viaxes, Ian Hamilton nunca visitou a súa obra Petrarca en Pontevedra.
Coa saúde moi debilitada, falecía con 80 anos nunha residencia de anciáns, fóra dos muros de Little Sparta, en 2006. Sobrevivíronlle un fillo e unha filla.