A praia de Silgar, un pouco máis limpa grazas ao tríatlon

Sanxenxo
20 de setembro 2023

Un grupo formado por 46 voluntarias e voluntarios participaron nunha limpeza de residuos mariños organizada no marco da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

Limpeza de residuos mariños organizada na praia de Silgar no marco da Gran Final das Series Mundiais
Limpeza de residuos mariños organizada na praia de Silgar no marco da Gran Final das Series Mundiais / Federación Española de Triatlón

Sanxenxo é a localidade escollida por moitos dos deportistas que participan na Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon para aloxarse estes días nas Rías Baixas, así como de gran parte das cúpulas directivas das distintas federacións

Por iso foi o marco escollido para unha iniciativa de limpeza de residuos mariños organizada no marco do gran evento deportivo, en colaboración con Coca-Cola dentro do seu proxecto Mares Circulares.

Un grupo de 46 voluntarios participaron na xornada, na praia de Silgar. Entre eles atopábanse representantes do Congreso Internacional de World Triathlon e dos clubs de xubilados de Sanxenxo, Noalla e Vilalonga.

Todos eles recibiron unha pequena charla formativa sobre a operativa a levar a cabo no areal, monitorizados por varios dos integrantes da Asociación Chelonia.

Durante os labores de limpeza, que se desenvolveron desde as once da mañá ata ben entrado o mediodía, recolléronse máis de 20 quilos de residuos, destacando o alto número de cabichas retiradas da area, con máis de 7.200 unidades.