A patronal galega ve "amigables" as propostas económicas e industriais de Ana Pontón

Pontevedra
14 de febreiro 2024

A catro días das eleccións galegas, a candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, mantivo un encontro de traballo coa Confederación de Empresarios de Galicia para presentarlles as súas propostas no ámbito económico e industrial

Encontro de Ana Pontón coa Confederación de Empresarios de Galicia
Encontro de Ana Pontón coa Confederación de Empresarios de Galicia / BNG

A catro días das eleccións galegas, a candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, mantivo un encontro de traballo coa Confederación de Empresarios de Galicia para presentarlles as súas propostas no ámbito económico e industrial.

A patronal galega, segundo explicou o seu presidente, Juan Manuel Vieites, considera que a maioría das iniciativas que queren impulsar os nacionalistas se gobernan en Galicia son "amigables" e as outras "hay que trabajarlas y se pueden dialogar".

Vieites, que sinalou que "bienvenido sea el gobierno que venga" tras o 18 de febreiro, agarda que os empresarios desexan que sexa un goberno "estable y no radicalizado" e que poña propostas "encima de la mesa" para crear un clima de confianza para os investidores.

Neste encontro, Pontón avanzou que o seu modelo aposta claramente pola innovación como motor de desenvolvemento, pola creación de máis industria e o impulso dos sectores produtivos tradicionais, pola dotación de solo empresarial e polo impulso dun novo modelo enerxético.

O obxectivo do BNG é incrementar en oito puntos o peso da industria no PIB galego e xerar 12.000 novos empregos ata 2030, o que inclúe destinar o 3% do PIB á ciencia no horizonte temporal do 2030, sumando a iniciativa pública e a privada.

Neste sentido, avanzou tamén liñas de apoio específico ás pemes para que sexan máis innovadoras ou o esforzo que fará para axilizar a dotación de solo nas áreas máis dinámicas do país e a facelo a prezos competitivos, algo que considera "esencial" para atraer investimentos.

Pontón detallou ademais o seu compromiso cos sectores tradicionais, como a pesca e o agro, coa a mobilización de 100.000 hectáreas de terra agraria ou o plan de recuperación e rexeneración das rías para recuperar a produtividade do sector mar-industria.

Estas son algunhas das medidas nas que Pontón centrou o proxecto de futuro para Galicia que o BNG quere impulsar a partir do 18 de febreiro, data na que "nos xogamos o futuro dos galegos e como imos responder aos grandes retos e ás grandes transformacións deste século".

Arquivado en