Coincidindo coa celebración do ITU Multisport que se celebra en Pontevedra do día 26 de abril ao 4 de maio, a cidade do Lérez acollerá sete espectáculos musicais para acompañar esta festa do deporte que se realizará na Avenida de Montero Ríos e no Recinto Feiral.
O venres 26 a partir das 18:00 horas celebrarase a cerimonia inaugural onde todos os deportistas dos países participantes no dúatlon do día seguinte, realizarán un desfile acompañados de música tradicional galega desde a Praza da Ferrería ata a Praza de España. Durante esta cerimonia intervirá Pablo Méndez Performances e, a continuación, a agrupación folclórica Os de Algures e o Ballet Rías Baixas.
Na Avenida de Montero Ríos realizarase a montaxe para as acreditacións dos deportistas, a feira do deportista e algunhas das actividades culturais e festivas que se van a realizar. "O obxectivo é a diversión e mostrar a nosa cidade dende a perspectiva máis cultural", asegurou Anxos Riveiro, concelleira de deportes, na rolda de prensa realizada durante a mañá do mércores.
As actuacións musicais comezan o sábado 27 na Praza de España ás 22:30 horas con Malkeda, grupo pontevedrés de rock.
Ao día seguinte, domingo 28, chega un dos pratos fortes da celebración. Coincidindo coa entrega de medallas da competición de dúatlon, a Orquestra Panorama trae o seu gran espectáculo visual e musical ao Recinto Feiral ás 21:00 horas.
O martes 30, día do tríatlon cros, Mercedes Peón, considerada unha das voces máis importantes de Galicia actualmente, actuará na Praza de España ás 22:00 horas.
No mesmo lugar ao día seguinte, 1 de maio, o Grupo Claxxon renderá tributo ao pop e rock dos anos 80 e 90 ás 21:00 horas.
Pola súa banda, o 2 de maio, DJ Baiuca trae unha mestura de son electrónico coa música máis tradicional ás 21:00 horas na Praza de España.
Con motivo da festa de clausura que se celebra o 4 de maio, e coincidindo co día do campionato do mundo de tríatlon de longa distancia, Dr Queen, banda tributo ao mítico grupo liderado por Freddy Mercury, pechará esta semana enche de deporte, cultura e música ás 22:30 na Praza de España.