A liberación da Xunqueira de Alba será "inmediata" se o BNG chega ao goberno da Xunta

Pontevedra
13 de febreiro 2024

Así o anunciou o seu candidato por Pontevedra, Luis Bará, na visita aos terreos nos que estaba a imprenta e o parque de maquinaria provincial. O nacionalista manifestou este martes este compromiso, ademais de anunciar un plan para a recuperación de todos os terreos degradados e para a posta en valor do humidal.

Luis Bará e candidatos do BNG nos terreos liberados na Xunqueira de Alba
Luis Bará e candidatos do BNG nos terreos liberados na Xunqueira de Alba / BNG

Se o BNG chega ao goberno galego porá en marcha de xeito "inmediato" o traslado das instalacións da Xunta na Xunqueira de Alba. Así o anunciou o seu candidato por Pontevedra, Luis Bará, na visita aos terreos nos que estaba a imprenta e o parque de maquinaria provincial.

O nacionalista manifestou este martes este compromiso, ademais de anunciar un plan para a recuperación de todos os terreos degradados e para a posta en valor do humidal.

Bará explicou a Xunta liderada por Ana Pontón traballará co Goberno central e co Concello para liberar e rexenerar os terreos que agora "okupan" a Axencia Galega de Infraestruturas e Medio Rural, a Dirección Xeral de Tráfico e o Parque Móbil do Estado.

O obxectivo é gañar para a cidade unha gran zona verde de máis de 60.000 metros cadrados, que será "un verdadeiro pulmón" para toda Pontevedra.

O BNG pretende que na vindeira lexislatura se poida levar a cabo o traslado de todos os equipamentos públicos que están en terreos de dominio público marítimo terrestre na Xunqueira da Gándara, para darlle continuidade á rexeneración impulsada pola Deputación.

 "As administracións públicas teñen que dar exemplo de respecto ambiental e da legalidade", subliñou Luis Bará, que detallou que "logo de catorce anos de parálise", activarán un plan para recuperar os terreos degradados e para poñer en valor do humidal da Xunqueira de Alba.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores afirmou que "no século XXI vai sendo hora de que se deixe de rechear terreos, como aconteceu na Gándara, e se recupere todo o espazo natural arredor da cidade".

A idea do Concello, segundo Fernández Lores, é recuperar este espazo natural cunha zona verde e natural como é a xunqueira. "É un luxo para todos os pontevedreses ter un lugar de esparexemento así a cinco minutos da cidade. É do noso máximo interese recuperalo", subliñou.

Arquivado en