As portas do inferno volverán abrirse en Pontevedra o próximo 23 de agosto. Será cunha nova edición da divertida e irreverente Festa do Demo por todo o centro histórico.
Satanás e os seus secuaces aparecerán na cidade, como é habitual, nos arcos de San Bartolomé, desde onde percorrerán as principais rúas e prazas da zona vella pontevedresa.
Farao facendo burlas, xogos e todo tipo de trasnadas con todo aquel que se cruce co seu séquito, especialmente os máis pequenos da casa.
Será en dobre sesión, ás 12:30 e ás 20:00 horas.
A Festa do Demo estará amenizada ademais pola música da Banda de Música de Salcedo, que ofrecerá un concerto ás nove da noite na Praza de José Martí.
Media hora despois, ás 21:30 horas, será a tradicional Foliada do Demo, que estará conducida por Os Chichisos e Silva Redonda na Praza de Curros Enríquez.