Actualmente atópase en tramitación o novo Regulamento Xeral de Circulación de España. En decembro de 2010 o Concello de Pontevedra remitiu á Dirección Xeral de Tráfico unha serie de propostas. Algunhas foron xa recollidas para entrar en vigor coa próxima normativa.
A máis significativa leva data de febreiro de 2011. Durante a celebración do II Encontro de Cidades para a Seguridade Viaria, celebrado en Córdoba, o director xeral da DXT, Pere Navarro, anunciou a entrada en vigor co mencionado regulamento da limitación da velocidade a 30 kilómetros por hora nas vías dun só carril ou dun único carril por sentido. Unha medida coa que se pretende rebaixar os atropelos de peóns nas cidades.
A iniciativa entrou en vigor en Pontevedra en agosto de 2010, limitando a velocidade de circulación en todo o centro urbano a un máximo de 30 quilómetros por hora. Regulación que foi recoñecida co Premio á Mobilidade Seguridade no citado Encontro de Córdoba.
Con todo, as propostas do goberno local, xa comezaron en 1999 coa peonalización do Centro Histórico, acción que progresivamente se fixo extensiva a outras zonas do centro urbano, de forma parcial ou total, con e sen limitación física. Outros proxectos na consolidación do modelo de cidade foron a creación de sendas para peóns e ciclistas desde 2008, o Metrominuto en 2012 e posteriormente o Pasominuto, unha guía con rutas urbanas e fluviais polo municipio.
Unha das consecuencias da limitación da velocidade dos vehículos foi a significativa redución dos accidentes urbanos en máis do 50% e con iso a cifra de vítimas mortais, cero, do mesmo xeito que os feridos graves. Pola súa banda, os feridos leves así como os contratempos de tráfico mantéñense en “cifras de resistencia". De igual forma produciuse un cambio de hábitos entre a cidadanía á hora de moverse: máis das dúas terceiras partes dos desprazamentos son a pé ou en bicicleta.