Apenas un centenar de persoas, todos eles militantes e simpatizantes dos respectivos partidos políticos participaron, a partir das doce da noite, no tradicional acto de pegada de carteis electorais. Nesta ocasión, a avenida de Montero Ríos acolleu este trámite co que dá comezo oficialmente a campaña electoral de cara aos comicios municipais do próximo 24 de maio.
A comitiva máis numerosa, a pesar da chuvia, reuniuna o Partido Popular. Os populares, entre os que se encontraban o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, quixeron arroupar o seu candidato á Alcaldía, Jacobo Moreira. Este sinalou que arrancan dúas semanas "decisivas" para convencer os indecisos para que Pontevedra "tenga la oportunidad que necesita".
Moreira asegurou que o goberno do BNG leva "sin resolver los problemas de los pontevedreses" e mostrouse convencido de que o 24 de maio "lo vamos a conseguir" e o PP poderá recuperar o bastón de mando na capital da provincia. Todo iso fronte a un Lores do que apuntou, aludindo á súa inminente viaxe a Nova York, "escapará de la ciudad para no tener que escuchar a los vecinos".
Pola súa banda, o candidato do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, acompañado dos membros da súa candidatura, destacou a "enorme ilusión" que teñen os socialistas de cara a esta campaña electoral. Avanzou que parten co obxectivo de "gobernar Pontevedra".
Ata a avenida de Montero Ríos desprazáronse tamén o candidato de UPyD, Carlos Maestro; e as alcaldables de Compromiso por Galicia, Tod@s por Pontevedra e Cidadáns, Pilar Dopazo, María Biempica e María Rey. Todos eles se marcan o propósito de acceder á corporación municipal tras as próximas eleccións.
A esta cita tan só faltaron BNG e Marea Pontevedra, que optaron por iniciar a campaña dunha forma diferente, cunha festa e un acto reivindicativo, respectivamente.