O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, recibiu este mércores o autobús que os socialistas prepararon para a campaña electoral e que percorrerá toda España ata o próximo 24 de maio.
Acompañado de membros da súa candidatura, entre eles o actual voceiro municipal, Antón Louro; ou o deputado no Congreso, Guillermo Meijón; Fernández desprazouse ata a Praza de Ourense, o lugar elixido para a parada en Pontevedra deste vehículo.
O autobús -que foi alugado para este período electoral- dispón de mesas de traballo, proxector, e un equipo de son que permitirá organizar actos para ata 500 persoas, cun pequeno xerador que pode producir ata 30.000 vatios.
Está rotulado co lema 'Ser socialista é facer quilómetros de socialismo' e ademais da praza de Ourense desprazouse ata o barrio de Monte Porreiro.
Aproveitando a presenza deste autobús, Agustín Fernández e os seus compañeiros comezaron a repartir á cidadanía o seu manifesto electoral, no que recollen a 'alternativa socialista' para gobernar na cidade. Neste sentido, adianta que combater a crise e o paro serán o eixe central da xestión municipal do PSdeG-PSOE se accede á Alcaldía.