Atípico. Ese é cualificativo que, probablemente, mellor describe o arranque da campaña electoral en Pontevedra. Estas non van ser unhas eleccións autonómicas calquera e esa peculiaridade xa se deixou notar na primeira noite na que os partidos que se presentan a estes comicios poden pedir o voto aos galegos.
A avenida de Montero Ríos, tradicionalmente o epicentro da noite de pegada de carteis, apenas tivo movemento. Tan só PSdeG-PSOE e BNG mantiveron a tradición e arrincaron campaña alí. Ata o centro histórico trasladáronse tanto PP como En Marea, optando por un acto máis distendido en dous locais de copas. E Cidadáns centrou os seus esforzos en Vigo.
Os primeiros en inaugurar esta campaña foron os compoñentes de En Marea. Prometían desde o principio unha campaña "moi de rúa" e así empezaron: cun encontro festivo na praza da Peregrina e un pequeno ágape nun pub da praza de Méndez Núñez. Alí concentráronse os candidatos desta formación e membros de Marea Pontevedra.
Xoan Hermida destacou que En Marea afronta estes quince días "con moita ilusión porque a xente quere cambio" e entende que neste proceso o seu partido "terá un papel importante". Espera que "se nós o facemos ben", poidan recuperar os votos perdidos entre decembro e xuño -as dúas eleccións xerais- e "romper a hexemonía" do PP.
Non lonxe de alí, noutro local de copas da praza do Teucro, comezaba a campaña o Partido Popular. Facíao cun encontro informal no que participaron numerosos cargos electos, militantes e simpatizantes con Alfonso Rueda, número 2 da lista por Pontevedra, á fronte.
O actual vicepresidente da Xunta asegura que o PP encara esta campaña "con optimismo" e co obxectivo que "explicar o que se fixo desde o goberno e o que queremos facer agora". Asegura que os populares parten coa vantaxe de ser un partido "cun programa coñecido" e coas enquisas ao seu favor. Pero Rueda non se fía. "Me quedo con que a maioría é posible, pero se nos relaxamos será difícil", recoñece.
Xa en Montero Ríos, socialistas e nacionalistas repartíronse o espazo a partes iguais. Os candidatos do PSdeG-PSOE, arroupados polos concelleiros do grupo municipal e numerosos militantes e simpatizantes, si protagonizaron a habitual pegada de carteis nos paneis habilitados para iso no paseo. Á fronte, Patricia Vilán e María Pierres.
"Afrontamos esta campaña con moita ilusión, con moitas ganas e con moi boas vibracións porque vemos que a xente ten ganas de cambio", afirma unha Patricia Vilán que se mostra convencida en que os socialistas desafiarán ás enquisas e liderarán a alternativa de goberno ao PP para que Galicia "saia deste letargo para poder avanzar e facer un país novo".
Tamén o BNG escolleu as inmediacións da Alameda para iniciar unha campaña na que tentarán mellorar os resultados dos últimos comicios. O seu candidato por Pontevedra, Luís Bará, destaca que os nacionalistas "temos unha moi boa candidata e un bo equipo" e que están "con ganas" para convencer "canta máis xente mellor".
O BNG espera atraer o voto dos indecisos "e dos desencantados do espectáculo da política madrileña", fronte á cal Bará reitera que o seu partido é unha alternativa "solvente", con capacidade e con experiencia. Fronte á política "destrutiva e sen alma" do PP, os nacionalistas apostan por poñer en valor "todo o potencial deste país" e "plantar cara" ás decisións que afectan negativamente a Galicia "e que se adoptan fóra".