A Gran Final de Pontevedra non só está a ser o gran acontecemento do tríatlon a nivel mundial e o maior evento deportivo do ano celebrado en España, se non que tamén ofrece un programa paralelo de lecer e cultura do que están a gozar os veciños da Boa Vila xunto cos preto de 12.000 visitantes que acolle para esta última parada das Series Mundiais.
Sobre o gran escenario na Praza de España, diante do monumento aos heroes de Ponte Sampaio tivo lugar este venres a actuación de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre.
Para este sábado Pontevedra poderá gozar de De Vacas e, finalmente, o domingo será a quenda da música de Carlos Núñez, lendario gaiteiro galego.
Pola súa banda, en Montero Ríos está instalada unha carpa de grandes dimensións que acolle o recinto feiral da Gran Final das Series Mundiais, onde están os puntos de información, recollida de dorsais e pack do corredor, ademais das Casetas das institucións e os colaboradores do Campionato e merchandising do evento.
Están a ser un éxito tamén as visitas guiadas en inglés pola cidade, xunto ás habituais en castelán.