A apertura da Expo e 'Fan Zone' en Montero Ríos, aperitivo ao comezo da Gran Final

Pontevedra
20 de setembro 2023

A carpa instalada na Avenida Montero Ríos, paso obrigado para todos os deportistas que competirán nos mundiais de tríatlon, supón un avance á inauguración oficial prevista para este xoves

Apertura da Expo e 'Fan Zone' da Gran Final das Series Mundiais
Apertura da Expo e 'Fan Zone' da Gran Final das Series Mundiais / Mónica Patxot

Cada hora que pasa a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon está máis presente nas rúas de Pontevedra.

Este mércores produciuse a apertura da carpa instalada na Avenida de Montero Ríos, paso obrigado para todos os deportistas que competirán nos mundiais, xa que deben alí recoller os seus dorsais e packs de benvida.

Ademais vanse a atopar unha exposición de tríatlon así como unha 'Fan Zone' de afeccionados, con puntos de información do evento, atands de patrocinadores e tamén de marcas e tendas deportivas, destacando a gran zona habilitada para o patrocinador principal do evento, Zara Athleticz.

Esta carpa permanecerá aberta este xoves de 10.00 a 18.00 horas, venres e sábado de 10.00 a 20.00 horas e o domingo, último día da Gran Final, de 12.00 a 20.00 horas.

A súa inauguración supón un aperitivo ao que está por chegar, empezando polo desfile de delegacións e inauguración oficial do campionato previsto para este xoves 21 de setembro.