A AECC reclama aos aspirantes para gobernar Galicia unha atención prioritaria do cancro

Pontevedra
06 de febreiro 2024

A Asociación Española Contra o Cancro de Pontevedra reuniuse con representantes de PP, PSdeG-POUSE e BNG

Encontros da AECC con PP, PSdG-PSOE e BNG
Encontros da AECC con PP, PSdG-PSOE e BNG / AECC

Atención prioritaria do cancro na política sanitaria da Xunta. Esta é a demanda que representantes da Asociación Española Contra o Cancro estiveron trasladando aos políticos de diferentes formacións que concorren ás eleccións autonómicas galegas do próximo 18 de febreiro.

Dita prioridade tradúcese en varias liñas xerais: alcanzar o 70% de supervivencia en 2030, igualdade para que todas as persoas con estas doenzas teñan as mesmas oportunidades para facer fronte ao cancro, dispoñer periódica e transparentemente dos datos de prevención, atención e investigación.

No que refire á porcentaxe de supervivencia, precisan que se fortaleza a investigación oncolóxica en Galicia, que se aumente a colaboración entre investigación básica e clínica, traballar na creación dun centro de referencia na atención do cancro nesta Comunidade, aumentar os espazos libres de fume, reforzar a protección dos mozos endurecendo o acceso ao tabaco ou outros consumos como o vapeo, e reforzar programas de detección precoz e de cribado.

En canto a coidados paliativos, desde o colectivo trasladáronlles a necesidade de achegarse ás recomendacións da Sociedade Europea de Coidados Paliativos que sinala dúas unidades por cen mil habitantes, cifra que en Galicia está actualmente en 0,67 unidades. Ademais, para cubrir atención psicolóxica de pacientes e familiares, a AECC propuxo que se dispoña dos recursos da Asociación en materia de atención psicolóxica especializada como parte dos servizos do Sergas.

Todas estas cuestións expuxéronse en sucesivos encontros con Alberto Núñez Feijóo, Diego Calvo e Miguel Lorenzo do Partido Popular; Julio Torrado do PSdG-PSOE e con Mercedes Queixas e Iria Carreira do BNG.

Arquivado en