Para Rafa Domínguez este será o seu segundo intento para ser alcalde da súa cidade. "Teño moita ilusión por conseguilo", recoñece. Hai catro anos quedou lonxe dese obxectivo, pero superou as expectativas. Agora afronta esta nova cita coas urnas desde unha perspectiva diferente.
"Pontevedra necesita un cambio. Créoo de verdade", sostén o candidato do PP, ao que só lle vale a maioría absoluta para derrocar a un alcalde "esgotado". Fronte a el, Domínguez defende un proxecto "solvente e ilusionante" para dar un "novo impulso" á cidade.
En que cambiou Rafa Domínguez nestes catro anos?
A min custoume moito tomar a decisión de presentarme, pero entendín que debía facelo. Pero as eleccións foron xusto un mes despois do peor resultado do PP en toda a súa historia e iso pesou moito. Aínda así, melloramos os resultados e iso serviunos de forza para este mandato, que foi moi produtivo. Agora somos alternativa de goberno. Temos un proxecto ilusionante.
Como definirías este último mandato?
Foron catro anos moi complicados coa pandemia. A xente esqueceuse xa do que vivimos. Pero as nosas expectativas son boas. Temos máis coñecementos, capacidade de traballo e ideas. Os pontevedreses só teñen dúas alternativas serias. A outra é un alcalde esgotado. Non pola idade, senón porque leva moito tempo no mesmo sitio e xa non ten ideas.
Ves que tes opcións entón?
Eu teño moita ilusión por ser alcalde da miña cidade e por impulsar o que visualizo desde hai moito tempo. Quero manter o bo de Lores, as luces que houbo nos primeiros anos, e quitar as sombras desta última etapa. Pontevedra necesita un cambio. Créoo de verdade.
Fixeches poucos cambios no equipo que te acompaña, por que?
Historicamente, o PP de Pontevedra era coñecido polos seus balbordos e pelexas internas, incluso algunhas públicas e desagradables. Pero agora vese unidade, traballamos coordinadamente. Con este equipo tiven moita sorte, pero si que incorporei a xente nova e con ganas. Sei exactamente que vai facer cada un cando entremos no concello.
Entrando xa en materia, como ves a Pontevedra actual?
Vexo nela luces e sombras. É unha cidade preciosa, marabillosa. A remodelación que comezou hai 24 anos foi moi positiva para a cidade. Pero cada vez pesan máis as cousas negativas. Hai que darlle un novo impulso a Pontevedra. Estamos en disposición de ser esa alternativa que necesita a cidade e creo que os pontevedreses nos confiarán esa responsabilidade.
E que crees entón que lle falta a Pontevedra?
Organización e traballo. Sen un PXOM, sen ampliar o polígono industrial, sen atraer empresas, debendo tres anualidades aos clubs deportivos ou botando aos mozos non podemos organizar a cidade. Falta traballo, faltan ganas, falta diálogo e falta relevo.
Sostés que te gusta o modelo urbano, pero aprecias nel aspectos negativos. Que cambiarías se chegas a ser alcade?
"É falso que o PP queira coches na Ferrería ou en Michelena. Dio o alcalde porque o único que teñen para vender é o modelo dos últimos anos"
Mira, é falso que o PP queira coches na Ferrería ou en Michelena. Dio o alcalde porque o único que teñen para vender é o modelo dos últimos anos. O que queremos é melloralo. Dígoo claramente. O modelo de Lores en 1999 cómproo, o de Raíña Vitoria non. El quere facer moitas 'raíñas vitorias' en Pontevedra. Eu iso véxoo mal.
Cando dis que reabrirás Raíña Vitoria, entendes que haxa quen pense que darás marcha atrás a máis ámbitos humanizados?
Estou a favor de como está Michelena, Peregrina ou o centro histórico. Non toco nin unha coma. Pero estou en contra de pechar a ponte da Barca ou Eduardo Pondal. Pechando Raíña Vitoria convidas a que a xente de fóra non veña. O tráfico é necesario. Nós propoñemos que sexa periférico, que se aparque fóra e que haxa unha rede de transporte gratuíto para ir ao centro.
Que te parece que o PSOE propoña agora reabrila?
É unha falta de respecto aos cidadáns. Perdes toda credibilidade se durante catro anos fas unha cousa e agora prometes outra. Sobre todo cando son cousas que o PP levou a pleno e que votaches en contra reiteradamente. Eu se agora prometese que mantería pechada Raíña Vitoria, iría á miña casa. Tería que dimitir inmediatamente.
Son as parroquias e os barrios os puntos negros do modelo actual?
Absolutamente. Están abandonados e castigados. Só hai que ver como está A Seca, Monte Porreiro, Campolongo, A Parda ou Mollavao. En decadencia. E é unha pena que non se lles dea ás parroquias o lugar que se merecen. Alí, os cidadáns son de primeira para pagar impostos, pero son de terceira cando se trata de ter servizos. Iso non pode suceder.
Nos próximos anos será moi importante o compoñente verde das cidades. Cal é a posición do PP nesta materia?
É fundamental abrir Pontevedra á ría. Se nos fixamos noutras cidades, integran o mar na cidade. Aquí, por motivos históricos, vivimos de costas ao mar. Todos somos responsables diso. Hai que mellorar toda esa contorna, as praias fluviais e o río Gafos. O proxecto para destapalo na súa totalidade debe ser prioritario. Temos moitas posibilidades.
"Se nos fixamos noutras cidades, integran o mar na cidade. Aquí, por motivos históricos, vivimos de costas ao mar. Todos somos responsables diso"
Que áreas de xestión gustaríache priorizar?
Os servizos sociais. Acumulan atrasos intolerables. Non podes ser un bo alcalde se non te preocupas polos que menos teñen. Hai que apoiar máis ao deporte de base, deseñar a Pontevedra de futuro cun PXOM, poñer en valor o centro histórico ou mellorar a limpeza.
E o emprego, non?
Esa é unha máxima fundamental. As empresa só virán se falas con elas e poslles facilidades. E Pontevedra ten todas as condicións para atraer nómades dixitais ou empresas tecnolóxicas. Pero uno dos proxectos que máis me ilusionan é o da universidade no Hospital Provincial. Sería boísimo para dinamizar a cidade.
Con respecto a Santa Clara, apoiaches a súa compra por parte do Concello pero fuches moi crítico coa xestión posterior, por que?
É que perdemos a capacidade que tiñamos de decidir que facer con Santa Clara. Agora é da deputación. Está ben compralo, pero tiñamos que asinar un convenio de colaboración. Que seguise sendo de todos os pontevedreses. Perdemos a súa propiedade e, por agora, non se fixo nada. Todo é propaganda.
Se tras o 28M foses o alcalde de Pontevedra, cal sería a túa primeira medida?
Por simbolismo, abrir Raíña Vitoria.