28M | Miguel Anxo Fernández Lores (BNG): "Esta Pontevedra no ten volta atrás. Os cidadáns non o van permitir"

Pontevedra
26 de maio 2023

Leva 24 anos á fronte do goberno municipal pero, a pesar de todo ese tempo, Miguel Anxo Fernández Lores non dubida en sinalar que se atopa no "mellor momento" da súa carreira política. Ve á cidade preparada para dar un "salto de calidade" e para "redondear" o seu modelo

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra / Mónica Patxot

Leva 24 anos á fronte do goberno municipal pero, a pesar de todo ese tempo, Miguel Anxo Fernández Lores non dubida en sinalar que se atopa no "mellor momento" da súa carreira política. Ve á cidade preparada para dar un "salto de calidade" e para "redondear" o seu modelo.

"Pontevedra ten posibilidades inmensas para crecer de maneira razoable e sostible", afirma o rexedor, que quere liderar unha "nova etapa" á que lle pon un horizonte temporal de "oito ou dez anos". Para avanzar, insiste, "fai falta tempo, esforzo e saber o que se quere facer".

Aspiras a un sétimo mandato como alcalde, que te levou a seguir?

Atópome no mellor momento da miña vida política. Hai unha experiencia acumulada e unha ilusión moi grande por seguir poñendo a Pontevedra no mapa. Estamos situados no panel de saída como referencia de moitas cousas e teño ganas que redondear un modelo que está a dar tantos resultados desde todos puntos de vista.

Dis que aínda queda moito por facer. É verdade ou é a típica frase feita?

Fixemos cousas hai vinte anos que outras cidades empezaron a facelo agora. Estamos preparados para dar un salto de calidade. Avanzamos moito no modelo, en incrementar o espazo público para as persoas, pero non estamos satisfeitos totalmente. Dá un pouco de rabia non poder avanzar máis. Temos moita ilusión por seguir adiante.

Agora que mencionas a ilusión. Despois de 24 anos gobernando, consideras que podes seguir ilusionando aos cidadáns?

Eu creo que si porque temos unha gran credibilidade. Os cidadáns non son conformistas, seguen demandando cousas e préstanse a todo. Se lles gusta o que lles propós colaboran activamente. Estamos nun nivel excelente grazas ao traballo tan serio que fixemos, pero hai que responder á demanda de calidade urbana nas zonas nas que aínda non chegamos. 

Na túa presentación falabas dun proxecto a medio prazo, oito ou dez anos.

Porque creo que é o número de anos que necesitas para facer cousas. Os proxectos requiren tempo, esforzo e saber o que se quere facer. 

Acompáñate, de novo, case todo o teu equipo. Só Pilar Comesaña, por petición propia, non segue.

Cambialo sería un erro. Son persoas que fan cousas ben, que coñecen todo en profundidade e que quere traballar. Renunciar a elas por unha cuestión de idade sería incongruente. O ideal é unha mestura de experiencia e impulso xuvenil. Xusto o que ten a nosa candidatura.

Nas últimas semanas repites moito que todos os teus rivais políticos queren cargarse o actual modelo urbano. De verdade hai risco de dar marcha atrás?

"Uns de forma máis clara e noutoas algo máis maquillado, pero todos os demais están polo labor de cargarse o modelo"

Aos feitos me remito. Cada vez estámolo vendo máis. Non é que o digamos nós. Estamos a ver propostas así en todas as forzas políticas. Unhas de forma máis clara e noutras algo máis maquillado, pero todos están polo labor. As cidades non son estradas, son espazos de convivencia. Esta Pontevedra non ten volta atrás. Os cidadáns non van permitir.

Pero, por exemplo, todos os partidos propoñen reabrir Raíña Vitoria, incluído o partido que gobernou convosco estes catro anos, están todos equivocados ou algo se fixo mal?

O noso modelo baséase en reducir o espazo para os coches e reducir o tráfico de paso. Con Raíña Vitoria aproveitamos a pandemia, pero era unha decisión que estaba prevista tomar. A idea é que a cidade funcionase mellor globalmente. E conseguímolo. O que pasaba por alí era un tráfico de paso que non é necesario.

Non hai posibilidade de rectificar?

É que se ti abres a espita e deixas que pasen os coches outra vez, por que non deixar que volvan entrar por Michelena e que saian pola Barca? Antes, para ir de Ourense a Sanxenxo, a xente pasaba por Benito Corbal. Iso xa non pasa. Noutras cidades igual si, aquí non. Por Raíña Vitoria ía xente que entraba pola Barca e continuaba mesmo ata Montecelo. Iso non pode ser.

O reto dos próximos anos sería levar este modelo a barrios e parroquias?

Xa estamos a avanzar. Temos a previsión de crear núcleos de centralidade en todas as parroquias, ata onde se poida chegar. Apostamos por trasladar todo o estándar de calidade urbana ao rural e dotalos de equipamentos. Se queres que unha parroquia estea unida e cohesionada tes que ter espazo onde se relacione a xente.

Pero non só iso. Hai que completar todo o saneamento e o abastecemento. Avanzar no tratamento dos residuos. Temos moitas esperanzas cos novos pavillóns da Parda e Monte Porreiro ou con poñer a funcionar Santa Clara. Queremos dar un paso na loita contra o cambio climático e a economía circular. E nun tema que me preocupa moito, o monte.

Moito se fala das cidades verdes, como se pode renaturalizar Pontevedra?

En todos estes anos, en todas as rúas que tiñan tamaño suficiente plantáronse árbores. Son fundamentais para a cidade. Pero hai que dosificalo todo ben. Isto é Galicia, non Andalucía. Chove moito e poden xerar problemas. Pero temos 7.000 hectáreas de arboledo no bordo do núcleo urbano. Creo que aí é onde temos que seguir avanzando.

Que pasa co mar e cos ríos? Seguimos vivindo de costas a eles? 

Déronse pasos importantes. Antes de 2005 o Lérez era unha cloaca. A xente xa non se acorda. Todo se vertía ao río. Pero si, queda moito por tocar. Hai que recuperar todo o ámbito da Xunqueira de Alba. É un pulmón á beira da cidade. E gustaríanos recuperar toda a fachada marítima. Xa me gustaría que puidésemos chegar a Lourizán e Marín. Todo iso é un desastre.

E que papel crees que debe ter Santa Clara en todo este modelo?

Abrilo á cidade foi unha alegría para todo o mundo. Sen compralo non poderiamos inventarnos un espazo de verde como o que ten e darlle uso público. Máis o que lle achegará ao Museo, claro. Aínda hai certas leiras singulares que teñen un potencial importante que se poden explorar. Pontevedra ten posibilidades inmensas para un crecemento razoable e sostible. 

"O modelo urbano o que fixo é atraer talento en todas esas áreas. Somos unha cidade atractiva e temos capacidade para crear emprego"

No BNG apostades por posicionar a Pontevedra como a capital da creatividade, a innovación, a cultura ou o deporte. Crees que esa debe ser a liña a seguir?

Eu creo que si. O modelo urbano o que fixo é atraer talento en todas esas áreas. Somos a cidade con máis eventos e congresos. Iso é porque somos unha cidade atractiva e temos capacidade para crear emprego. Iso é un dato irrefutable. A algunha xente non lle gusta, pero é así. 

A relación cos vosos socios de goberno tensouse nos últimos meses. Pode iso complicar un futuro acordo?

Non vou falar de pactos. Nós imos a por todas. Queremos sacar un resultado que nos permita gobernar o mellor posible. Se é con maioría suficiente, mellor. Non é a primeira vez que gobernamos e tivemos liadas ao final do mandato. Hai un intento equivocado por diferenciarse, pero é un problema deles. Para min, os acordos de gobernabilidade foron positivos.

E como ves á oposición? 

Máis que desleal, danme certa pena. A oposición debe poñer as pilas ao goberno e presentar alternativas fiables, cribles e razoables, pero non hai nada. Se rascas un pouco, non atopas nada. Só críticas fáciles. Non é serio para unha forza política que aspira a gobernar.

Se tras o 28M foses o alcalde de Pontevedra, cal sería a túa primeira medida?

Hai moitas prioridades, Temos xa en marcha moitos proxectos e ideas. Desde o parque da Parda ata o pavillón de Monte Porreiro. Ou esixir que empecen as obras do Nó de Bombeiros. Traballarei activamente desde o primeiro día.