Aínda que Vox non logrou aínda facerse un oco nas institucións galegas, Manuel Torres non se desanima. Repite como candidato á Alcaldía de Pontevedra e faino "con toda a ilusión" porque, segundo asegura, entrar na corporación municipal "pode ser posible".
Coñecedor da administración pontevedresa, na que traballa desde hai vinte anos, o líder do partido de extrema dereita en Pontevedra sostén que a cidade perdeu fol. O seu desembarco no Concello, augura o candidato, sería un "punto de inflexión".
Catro anos despois volves encabezar a candidatura de Vox á Alcaldía. Por que decides presentarte de novo?
Como veciño de Pontevedra e como pai de familia, dóeme ver como se está degradando a cidade. Creo que podemos facer algo por mellorala. Por iso e por ver que despois de tantos anos parece que o noso partido é máis necesario que nunca na corporación.
En 2019 lograstes algo máis dun milleiro de votos. Para entrar na corporación deberiades, polo menos, duplicar ese rexistro. Cres que é posible?
É o noso obxectivo. Saímos con toda a ilusión. Este ano notamos, ou percibimos polo menos na rúa, esa sensación de que pode ser posible.
E que achegaría Vox á política municipal?
Esteamos no goberno ou na oposición, creo que será un punto de inflexión co que estamos a vivir agora. Se o BNG estivo 24 anos no goberno, é porque desde o ámbito da oposición non tivo ninguén que lle fixera dano. Ofrecemos a nosa ilusión, a nosa experiencia. Somos coñecedores dos problemas e cremos que podemos achegar bastante.
Como cualificarías ao equipo que te acompaña na vosa candidatura?
É un equipo de xente valente. Dar un paso á fronte, cando estamos tan estigmatizados, non é fácil. Hai quen pode verse prexudicado. Pero toda a xente da lista é xente traballadora, con formación, coa súa familia e con moita ilusión. Todos teñen moitas ganas de achegar.
A escasa implantación de Vox en Galicia pódevos afectar?
Abstraémonos desa situación. Creo que Galicia é a única comunidade onde Vox non ten representación en ningunha institución, pero iso motívanos e dános máis enerxía para poñernos as pilas. Creo que esa situación non afecta ás nosas aspiracións.
Entrando xa en materia local, como ves a Pontevedra actual?
"Os que coñecemos Pontevedra desde nenos lembrámola como unha cidade máis boiante, máis activa desde o punto de vista económico e comercial"
Véxoa como nunha tendencia de decadencia. Os que coñecemos Pontevedra desde nenos lembrámola como unha cidade máis boiante, máis activa desde o punto de vista económico e comercial. É un problema e é un punto que queremos potenciar para darlle a volta.
Que botas de menos?
Vexo que falta industria. É unha cidade na que a gran maioría da poboación depende da administración e moi pouca dun traballo industrial. Unha cidade sen industria está condenada a morrer. Non hai perspectivas de fixar poboación nova nun futuro porque sen posibilidade de quedar ou de poder formar unha familia acaban indo a outras cidades.
Crees que en Pontevedra non se xera emprego?
Oferta empregos, claro. Pero non os que necesitan os mozos, sobre todo os que teñen unha cualificación extraordinaria. Non hai oportunidades. A industria que hai é a que é. A máis tecnolóxica é Ence. O demais son de tipo loxístico e non transformadora.
Necesitamos atraer industrias e empregos cualificados. Pero para iso fai falta un PXOM, que está desfasadísimo. Hai que crear solo industrial e residencial. Fixar emprendedores financiando a mozos con ideas. E unirse con outros concellos para desenvolver políticas conxuntas. Se a comarca é potente, Pontevedra vai crecer.
En Vox sodes moi críticos co actual modelo urbano. Que cambiariades?
Ten cousas que foron moi favorables como a peonalización do centro histórico. Pero co paso de tempo fomos divagando. Non podemos ser unha aldea gala. Somos unha cidade que dificulta enormemente o acceso desde fóra, falta aparcamento e os pasos elevados son excesivos. Iso fai que a xente busque opcións de compras fóra de aquí.
E como cumpririades a obrigatoriedade de implantar unha zona de baixas emisións?
As zonas de baixas emisións non dependen de que Raíña Vitoria estea aberta ou pechada. Ese corte é absurdo. Pontevedra ten que ter unha calidade de aire adecuada e se o ten non hai motivo para restrinxir o tráfico. Non hai que prexudicar a ninguén polo capricho de cortar unha rúa.
Nun momento que se fala tanto de transición ecolóxica e de camiñar cara a cidades máis verdes, en que posición está Vox a este respecto?
De que transición ecolóxica estamos a falar? Porque se cadra provoca que tiren o Pontillón do Castro. Gústannos as zonas verdes como a todos. Pero que sexa de maneira ordenada e dunha forma coherente. Sempre que sexa para mellorar a calidade de vida dos veciños e para facer a cidade máis agradable. Parece que temos afinidade polo formigón. Non é certo.
Que áreas municipais vedes máis necesario reforzar?
Os servizos sociais están saturados, desbordados. Faltan recursos humanos e económicos. Hai moita xente que necesita axuda. É un síntoma de que a cidade está en decadencia. E temos problemas en servizos fundamentais como Policía Local ou Bombeiros. Eu estaría preocupado nunha cidade na que estean na situación na que están.
Como cualificarías o traballo do goberno municipal nestes catro anos?
Non estivo á altura das circunstancias. Non houbo ningunha política canalizada a resolver os problemas dos veciños. Iso, desde o BNG. No PSOE estiveron inexistentes.
Consideras que as prioridades do Concello están equivocadas?
Penso que si. Cando pasas tanto tempo gobernando esqueces baixar á area e falar coa xente. Non temos necesidades faraónicas. Hai que mellorar as infraestruturas para ser unha cidade moderna, si. Pero a xente ao final necesita o básico. Cáeseche a alma aos pés ao ver como están os barrios. Son un desastre. Falta moito mantemento.
E da oposición?
Permitiron que o BNG e o PSOE estivesen 24 anos gobernando. Con iso dígoo todo.
"As nosas políticas son en favor da familia, da natalidade ou da conciliación. Iso si é traballar pola igualdade"
Por que sodes tan críticos coas festas, por exemplo?
O que queremos é potenciar as patronais, as de verdade. San Sebastian ou a Virxe da O non se celebran e as de verán van a menos. O artista de máximo nivel que vén xa pasou de moda. Queremos recuperar os concertos na praza de touros. Hai moito que mellorar.
Tampouco estades dacordo con impulsar a lingua galega, non crees que iso vos afasta do voso obxectivo de facervos un oco en Galicia?
O que queremos é que haxa un verdadeiro bilingüismo. O que se está facendo é exceder a lingua galega sobre o español dunha forma descarada. Estamos gobernados por un partido nacionalista e separatista. Están a meter o galego con calzador. Como nos colexios.
E en igualdade, entendes as críticas á vosa falta de compromiso?
Somos un partido en prol da igualdade. Agora mesmo fanse políticas de desigualdade. O CIM, por exemplo. Por que un centro de información só para mulleres? Iso non é igualdade. Hai que transformalo nun centro de información ás vítimas da violencia doméstica. As nosas políticas son en favor da familia, da natalidade ou da conciliación. Iso si é traballar pola igualdade.
Se tras o 28M foses o alcalde de Pontevedra, cal sería a túa primeira medida?
Presentarme aos axentes sociais e captar as súas necesidades. Pero a primeira e a máis sinxela de todas é abrir Raíña Vitoria. Non hai nada que tramitar, sería inmediato.