28M | A Pontevedra que propoñen: rural

Pontevedra
22 de maio 2023

Case 20.000 pontevedreses viven fóra do centro urbano. Os seus proxectos de vida repártense entre as quince parroquias do rural. Para eles, os nove partidos que se presentan a estas eleccións municipais tamén reservan numerosas propostas dentro dos seus programas​

Área rural en Pontevedra
Área rural en Pontevedra / Cristina Saiz

Case 20.000 pontevedreses viven fóra do centro urbano. Os seus proxectos de vida repártense entre as quince parroquias do rural. Para eles, os nove partidos que se presentan a estas eleccións municipais tamén reservan numerosas propostas dentro dos seus programas

Cal é o modelo que impulsarían nestas áreas do municipio? Que necesidades máis urxentes aprecian nelas? Como resolverán os problemas que se poidan rexistrar nelas? Hai algo máis alá de completar o saneamento e o abastecemento? Os alcaldables responden.

 

BNG

  • Continuar coa creación de novos núcleos de centralidade en Verducido, Campañó, Marcón, Santa María de Xeve, Tomeza, Lérez e Bora; mellorando as contornas dos lugares de convivencia das parroquias. A experiencia acumulada no deseño dos núcleos de centralidade, espazos de socialización e dinamización fundamentais para cohesión social abren todo un abano de posibilidades para mellorar os existentes e abordar os novos con amplas garantías de éxito. 
  • Coche de punto: a nova ordenanza do taxi garante un período de avances para este servizo e, por fin, están dados todos os pasos para botar a andar o servizo nas parroquias.

 

PP

  • É fundamental apoiar aos produtores locais e promover a comercialización dos seus produtos en mercados próximos. Para iso, pódense organizar feiras e mercados nos que os produtores poidan mostrar e vender os seus produtos directamente aos consumidores. 
  • Fomento do turismo rural: O turismo rural é unha fonte importante de ingresos para o mundo rural. É necesario promover os recursos turísticos da zona rural de Pontevedra e desenvolver unha estratexia de turismo rural sostible. Pódense promover rutas de sendeirismo, cicloturismo e turismo de natureza, así como actividades relacionadas co patrimonio cultural e as tradicións locais. 

 

PSdeG-PSOE

  • Áreas de Rehabilitación Especifica nos núcleos rurais. Crearanse en cada parroquia áreas deste tipo, similares á ARI do centro histórico, a fin de poder acceder a axudas públicas para a rehabilitación de vivendas e a extensión de servizos, contribuíndo así a fixar máis poboación no rural.
  • Completar o abastecemento e saneamento do rural. Extensión a todos os núcleos de poboación da rede de saneamento e de auga potable, con criterios claros e transparentes, minimizando as vivendas que queden excluídas en cada fase e aplicando unha bonificación do IBI a quen se vexa nesta situación.

 

Cidadáns

  • Saneamento para todas as parroquias e habilitación de pasos de peóns en estradas nacionais. 
  • Potenciar o acercamento do centro ao rural con actividades desprazadas de intercambio de coñecementos e tradicións, habilitando a interconexión co transporte de proximidade.

 

Podemos

  • Espazos e prazas no rural para a relación da veciñanza e o ocio e o deporte.
  • Rehabilitación de vivendas baleiras no rural e axudas as persoas que queiran vivir ou traballar no rural, mellorando a mobilidade a través de buses eléctricos.
 

VOX

  • Implantación de transporte público desde os núcleos de poboación rural a lugares de interese no centro urbano. 
  • Ampliación do solo de núcleo rural para facilitar a construción de vivendas unifamiliares.

 

Pontevedra Alternativa

  • Control e mellora das tres 'A' (alumeado, asfaltado e sumidoiros -alcantarillado-)
  • Oficina móbil do rural. Unha oficina que solucione e atenda ós problemas dos habitantes do rural para exercer de concello móbil.

 

Espazo Común

  • Transporte público subvencionado desde cada parroquia ao centro urbano.
  • Auditoría sobre a eficiencia da iluminación pública e cumprimento de regulamento de iluminación pública.

 

PACMA

  • Promover políticas e programas que fomenten o investimento en infraestrutura rural, como mellora no estado das estradas, camiños e telecomunicacións, con limpeza de cunetas e zonas de vertedoiros ilegais, así como proceder a unha correcta pavimentación e iluminación de viais. Todo iso acompañado da implantación de servizos básicos para o cidadán. 
  • Creación dun servizo municipal de asesoramento público e gratuíto para o agricultor, no que se lle facilitarán os trámites que necesite para a xestión agraria dos seus terreos e para a obtención de axudas e subvencións ás que poida acceder, así como para o asesoramento por parte de técnicos para conseguir unha explotación máis eficiente e sostible dos seus cultivos, facilitando a xestión entre produtores locais e consumidores para fomentar o consumo de produtos de proximidade.