28M | A Pontevedra que propoñen: o modelo urbano

Pontevedra
12 de maio 2023

Polo modelo urbano, sobre o que escribimos ríos de tinta nos últimos anos, iniciamos unha serie de pezas electorais nas que iremos debullando as principais medidas que prometen impulsar os nove partidos que se presentan a estas municipais en Pontevedra

Flores nos xardíns da avenida de Santa María
Flores nos xardíns da avenida de Santa María

Polo modelo urbano, sobre o que escribimos ríos de tinta nos últimos anos, iniciamos unha serie de pezas electorais nas que iremos debullando as principais medidas que prometen impulsar os nove partidos que se presentan a estas municipais en Pontevedra.

Que cidade propoñen para o presente e futuro de Pontevedra? Que sistema de mobilidade consideran que é máis adecuado? Fai falta ou non renovar o plan urbanístico? Sobre estas e outras cuestións reflexionan a continuación os nove 'alcaldables'.

 

BNG

  • Nova xeira de infraestruturas. Pontevedra precisa mellorar a súa conectividade exterior e boa parte das relacións interiores en mans da Xunta. A Estratexia de Mobilidade Integrada de Pontevedra (EMIP) é a planificación das intervencións máis urxentes en materia de mobilidade que precisamos e o goberno do BNG comprométese a implicarse con todas as administracións para completala.
  • "Proxecto Moureiras" de intervención en toda a fachada marítimo fluvial de Pontevedra na maior intervención sobre o espacio público de Pontevedra de todo o século. Inclúe o traballo en tres liñas diferentes: a liña 1 vai traballar a conexión da cidade co complexo ríos-ría (reforma integral da Avenida de Bos Aires, reforma integral da rúa de San Roque, novo vial de Rosalía de Castro e paseo peonil a Marín); a liña 2 é a da recuperación da memoria da Pontevedra mariñeira (musealización dos restos arqueolóxicos da praza de Valentín García Escudero e o proxecto Peirao das Corvaceiras de recuperación do patrimonio inmaterial); e a liña 3 busca máis calidade de vida nos barrios de este ámbito (comezando polas reformas de Almirante Matos e Rosalía de Castro).

 

PP

  • A creación de parkings disuasorios na contorna da cidade que tripliquen a capacidade actual. Estes espazos contarán con cámaras de vixilancia que estarán conectadas coa Policía Local e estarán conectados co centro da cidade con buses eléctricos gratuítos

  • É fundamental reabrir Raíña Vitoria, que xenerou un caos circulatorio na cidade. 

 

PSdeG-PSOE

  • Transporte público de verdade. Solicitaremos a revisión de horarios e paradas das actuais liñas de autobús (L1 e L2) axustándoas ás necesidades dos usuarios/as e a inclusión do tren a Vigo e Vilagarcía no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, para abaratar o prezo da viaxe e poder combinar os billetes de tren e bus sen custo a maiores. Estudaremos, ademais, o mellor modelo de conexión das parroquias co centro urbano, con autobús, mediante transporte a demanda ou combinando ambos os medios.
  • Unha cidade para a bicicleta. Actualizarase a ordenanza de mobilidade para fomentar o uso da bicicleta, habilitando o dobre sentido nas rúas de carril e sentido único para os automóbiles, creando unha malla de carrís bici interconectados nas vías perimetrais da cidade, que conecten o centro urbano coas parroquias e os concellos limítrofes e instalando aparcamentos seguros de bicicletas.

 

Cidadáns

  • Eliminación de badéns e obstáculos físicos. Crear vias sanitarias ("carril" de emerxecias) e interconexión dos aparcamentos con roteiros de transporte público de proximidade (exemplo: tranvía) e de cicloturismo. 
  • Actualización do PXOM, reorganización do tráfico e cambio dos sinais que non cumpren con normativa e regulamento de tráfico.

 

Podemos

  • Novo PXOM coa participación da veciñanza, para vencellar a cidade coa ría e para diminuír o tráfico privado no ensanche e cara a Montecelo e incrementar o transporte público.
  • Accesibilidade. Baños inclusivos.

 

VOX

  • Apertura da rúa Raíña Vitoria.
  • Melloras de urbanización e comunicación viaria nos barrios de Monte Porreiro, A Seca, Altamira, O Burgo, Mollavao e Pontemuiños.

 

Pontevedra Alternativa

  • Plan de tráfico integral: Redistribución do tráfico, apertura de Raíña Vitoria e mellora de acceso aos aparcamento da cidade. 
  • Finalizar a rolda urbana: Pontevedra precisa dunha circunvalación en condicións para que todas as parroquias poidan chegar dun punto a outro sen necesidade de pasar polo centro da cidade.

 

Espazo Común

  • Aprobar un PXOM actualizado. Sen a súa aprobación, pouco pódese facer en urbanismo.
  • Crear unha Pontevedra Policéntrica na que os barrios de Monte Porreiro, O Burgo, A Parda e Mollavao sexan tamén centros urbanos. Cada centro urbano terá oficina municipal, aparcamento gratuíto, aparcamento para residentes, parques e zonas de lecer.

 

PACMA

  • Transporte urbano gratuíto e ampliación de aparcamentos públicos a fin de que as persoas que accedan á cidade poidan desenvolverse de maneira cómoda, sinxela e gratuíta pola mesma, facilitando no seu caso o tráfico mediante a reapertura da avenida Raíña Vitoria, retomando con iso unha das principais vías de entrada/saída da cidade, evitando atascos e incomodidades aos veciños desta cidade e incrementando as liñas e frecuencia de transporte ás parroquias do concello.
  • Creación dun centro e un servizo municipal para o rescate e recollida de animais perdidos ou abandonados, para que o Concello cumpra a lei, algo que ata o de agora non fai, de protección e benestar de animais de compañía de Galicia, evitando así, entre outras cousas, a morte de animais e os accidentes de tráfico que estas situacións producen.