28M | A Pontevedra que propoñen: medio ambiente

Pontevedra
25 de maio 2023

O medio ambiente e a necesidade de reverdecer as cidades foi, sen dúbida, un dos temas estrela desta campaña electoral. Por iso, neste repaso aos programas electorais dos nove partidos que se presentan a estas municipais, era unha temática que non podía faltar

Praia fluvial do Lérez
Praia fluvial do Lérez / Mónica Patxot

O medio ambiente e a necesidade de reverdecer as cidades foi, sen dúbida, un dos temas estrela desta campaña electoral. Por iso, neste repaso aos programas electorais dos nove partidos que se presentan a estas municipais, era unha temática que non podía faltar.

Pechamos esta análise revisando as principais propostas que nesta materia impulsarían os nove candidatos e candidatas, poñendo o foco no impulso a novas zonas verdes, a integración do río na cidade ou a implantación dun renovado sistema de recollida de lixos.

 

BNG

  • Recuperación da Xunqueira de Alba: a saída das naves da Deputación é o primeiro paso para comezar a recuperación da Xunqueira de Alba. O BNG non vai escatimar esforzos para que Estado e Xunta tamén trasladen as súas naves e se poida recuperar este humedal con todos os seus beneficios ambientais. É o menos que Pontevedra lle debe ao coidado da terra.
  • A compostaxe, transformar os residuos en recursos: o novo contrato de xestión dos residuos sólidos urbanos é unha oportunidade para convertérmonos nunha referencia internacional tamén no coidado do medio. Coa implicación da veciñanza de Pontevedra, este novo contrato vai ser un cambio de paradigma na xestión dos residuos que nos vai colocar como unha referencia internacional no respecto polo medio. 

 

PP

  • A redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e a mellora da calidade do aire son dous obxectivos fundamentais para o coidado do medio ambiente. Unha forma de lograr esto é aumentando a frecuencia e a calidade do transporte público e promocionando o seu uso en lugar dos vehículos privados. A implementación de novas rutas de autobús e a mellora da infraestrutura para bicicletas son algunhas das formas en que se pode mellorar o transporte público. Propoñemos que o transporte público sexa gratuíto para todo o mundo.
  • Fomentar a economía circular mediante a creación de programas de reciclaxe e reutilización de materiais, a promoción da redución de residuos e a implantación dunha política de compra pública verde na que se prefiran produtos e servizos respectuosos co medio ambiente. Ademais, pódese traballar coas empresas e os cidadáns para conciencialos sobre a importancia dunha economía circular e ofrecer incentivos para aqueles que cumpran cos obxectivos de sustentabilidade.

 

PSdeG-PSOE

  • Partindo dos máis de 30 millóns de euros de fondos europeos que xa ten concedidos o Concello para a estratexia Pontevedra Flúe, renaturalizarase e reverdecerase a ribeira do río Lérez na zona urbana, recuperaranse os terreos de Costas do Estado en todo o concello (parcela do Pavillón dos Deportes, Mollavao, praia de Ponte Sampaio) e espazos naturais como a Xunqueira de Alba, ademais de completar a apertura e recuperación do río dos Gafos ata as Corbaceiras, controlar o rego de Valdecorvos para evitar as inundacións en Padre Fernando Olmedo e crear unha rede de sendas fluviais que conecte o centro urbano cos parques forestais.
  • Xunto coa recuperación dos espazos naturais potenciaremos o verde urbano, a fin de acadar o obxectivo 3-30-300: ver dende a ventá de casa  casa, polo menos, tres árbores, dispor do 30% de superficie verde nos barrios e dun amplo parque a menos de 300 metros de cada domicilio. Unha cidade máis verde é unha cidade máis saudable para todos e todas.

 

Cidadáns

  • Creación dunha xestora de residuos, que permita a valorización do lixo e a xeración de enerxía para abastecemento da cidade, como comunidade enerxética municipal. 
  • Saneamento do río Lérez, control periódico da calidade da auga en suministro e fontes, así como da calidade atmosférica (control dos chemtrails).

 

Podemos

  • Máis árbores para mellorar a calidade do aire e loitar contra as ondas de calor.
  • Empresa municipal de transportes: Buses eléctricos municipais e bicicletas municipais (circuíto de carrís bici).
 

VOX

  • Xestión conxunta dos residuos cos concellos limítrofes para abaratar o custo da prestación. 
  • Eliminación de verteduras existentes na marxe do río Lérez.

 

Pontevedra Alternativa

  • Control e eliminación de todos os vertidos os ríos da cidade e elaboración dun Plan de Xestión da Auga ante os posibles problemas por sequía. O obxectivo do plan é anteponerse a escaseza de recursos hídricos e as súas consecuencias.
  • Instalación de placas solares e fontes alternativas de xeración enerxética en todos os edificios municipais.

 

Espazo Común

  • Posta en marcha de iniciativas de educación ambiental e conciencia cidadá para preservar as nosas contornas naturais.
  • Habilitar mecanismos de vixilancia e control para sancionar economicamente ás persoas que tiren ao chan residuos e para facer cumprir a ordenanza de protección animal que recolle sancións para as persoas que non limpen as deposicións das súas mascotas.

 

PACMA

  • Implicación directa do Concello na limpeza e mellora do río Gafos. O Concello debe de asumir as súas responsabilidades respecto do bo estado do río Gafos, non tendo que ser os cidadáns quen se responsabilice da limpeza do mesmo. 
  • Implantación de medidas para garantir a protección da cidadanía e medio ambiente na zona da fábrica de Celulosa e depuradora de Praceres. Os veciños deben de ser compensados pola contaminación, fumes e cheiros que padecen como consecuencia da implantación da fábrica e depuradora xunto ás súas casas e propiedades.