Seguimos avanzando na análise das principais propostas que cada un dos nove partidos que se presentan ás eleccións municipais de Pontevedra incluíron nos seus respectivos programas. Tras abordar o modelo urbano, centrámonos agora na igualdade.
É Pontevedra unha cidade feminista? Pode a administración municipal seguir avanzando cara a unha igualdade real entre mulleres e homes? Que medidas pretenden impulsar no ámbito da diversidade afectiva ou sexual? Os nove candidatos e candidatas toman a palabra.
BNG
- Especial atención ás mulleres máis vulnerables, acompañándoas, asesorándoas e favorecendo a mellora da súa vida. A nosa proposta é a creación de estruturas mixtas conformadas por profesionais e activistas que acompañen ás vítimas en todo o proceso.
- Impulsar e apoiar a economía social e outras iniciativas que incorporen a perspectiva de xénero no seu funcionamento e posibiliten unha menor dependencia de acceso a recursos e apoiar e promover a iniciativa das mulleres en proxectos innovadores de actividades profesionais.
PP
- Reforzar e ampliar o plan municipal de igualdade de xénero para que aborde de maneira máis efectiva os problemas actuais das mulleres e doutros colectivos discriminados. Para iso, expomos a elaboración dun diagnóstico que permita detectar as desigualdades e as brechas de xénero existentes na cidade e definir as medidas necesarias para eliminalas.
- Impulsar campañas de sensibilización e formación en materia de igualdade de xénero, dirixidas á cidadanía e aos axentes económicos e sociais da cidade. Con esta iniciativa búscase concienciar sobre a necesidade de acabar coa discriminación de xénero en todas as súas formas e promover unha cultura de igualdade e respecto.
PSdeG-PSOE
- Pontevedra ten que ser a cidade na que as mulleres vivan absolutamente iguais e para iso, entre outras cousas, é necesario desenvolver un programa anual de actividades cos centros educativos, introducir a perspectiva de xénero na contratación pública, elaborar un protocolo de actuación fronte o acoso sexual ou aprobar un Plan de Igualdade que teña en conta as necesidades específicas das mulleres en diversos ámbitos: rural, urbano, laboral, mulleres con discapacidade, educación, mocidade ou terceira idade.
- Redacción dun protocolo de actuación fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo e fortalecemento da estrutura do CIM.
Cidadáns
- Habilitaremos un organismo que garanta no ámbito local o estrito cumplimento do artigo 14 da CE. e poida atender, medir e coordinar con asuntos sociais ou outros departamentos ou institucións, as demandas ou denuncias en materia de discriminación ou en casos de desigualdade, así como en materia de violencia (incluiremos a medición de casos de violencia intrafamiliar, mulleres, homes, pais, avós ou fillos)
- Oficina Integral de Atención presencial ao Cidadán para trámites, dereitos e mediacións..
Podemos
- Atención do CIM e punto violeta 24 horas
- Autobús nocturno de volta a casa
VOX
- Transformación do Centro de Información á Muller (CIM) en Centro de Atención a Vítimas de Violencia Familiar.
- Fomentar medidas de apoio á conciliación familiar con bonificacións fiscais a empresas e familias involucradas.
Pontevedra Alternativa
- Creación do primeiro desfile LGTBI+ da comunidade autónoma galega.
- Crear un Plan de Igualdade para o persoal municipal. Esta medida é obrigada por lei estatal e o Concello non o está a levar a cabo.
Espazo Común
- Creación dunha Casa de Acollida para mulleres maltratadas
- Iniciativas reais para a conciliación laboral e familiar.
PACMA
- Establecemento de campañas de sensibilización e accións de comunicación especialmente entre os mozos sobre a importancia do respecto e a convivencia entre todos os cidadáns.
- Promover a inclusión de persoas con discapacidade, implementar medidas para a accesibilidade universal, fomentar a inclusión laboral e social de persoas con discapacidade e apoiar ás súas familias.