28M | A Pontevedra que propoñen: deportes

Pontevedra
20 de maio 2023

Pontevedra, como cidade deportiva por excelencia en Galicia, vive o deporte como poucas. Por iso é polo que esta materia sexa, elección tras elección, a que adoita acumular un maior número de promesas electorais. Aquí parámonos no repaso aos programas electorais

Participantes nunha proba deportiva en Pontevedra
Participantes nunha proba deportiva en Pontevedra / Cristina Saiz

Pontevedra, como cidade deportiva por excelencia en Galicia, vive o deporte como poucas. Por iso é polo que esta materia sexa, elección tras elección, a que adoita acumular un maior número de promesas electorais. Aquí parámonos no repaso aos programas electorais.

Con partidos que apostan por impulsar novas infraestruturas deportivas e outros por renovar as que xa existen, entre os nove partidos apostan por impulsar do deporte de base, atraer novos eventos deportivos ou mesmo fomentar o deporte feminino e adaptado.

 

BNG

  • Series mundiais/Multisport Triatlón 2025: sitúan Pontevedra como a capital munidal do triatlón e son o mellor trampolín para amosarnos como unha cidade que pode organizar os eventos ao nivel de cidades que nos multiplican en tamaño. Ningunha cidade do tamaño de Pontevedra organizara nunca unha proba deste tipo.
  • Pavillón de Monte Porreiro: vai converter Monte Porreiro e Pontevedra na referencia galega e ibérica do tenis de mesa cun pavillón coas prestacións máis elevadas de todo o Estado. Ademais conta cunha zona de usos múltiples para o barrio e, especialmente, para as crianzas da escola infantil Fina Casalderrey.

 

PP

  • Fomentar a práctica deportiva en espazos públicos: É importante proporcionar espazos públicos adecuados para que a xente poida practicar deportes de forma gratuíta e accesible, aumentando o número de pistas deportivas ao aire libre, canchas e espazos para practicar deportes en parques e zonas verdes.
  • Establecer un plan de apoio aos deportistas locais para axudarlles a financiar as súas viaxes e adestramentos e, á súa vez, promocionar a cidade en competicións nacionais e internacionais.

 

PSdeG-PSOE

  • Máis instalacións deportivas. Incrementarase o número de campos de herba artificial, homologando algúns deles para múltiples deportes, como o fútbol, o rugby ou o béisbol; construiranse novos pavillóns municipais e organizarase desde o concello o uso dos pavillóns escolares, que serán postos a disposición de clubes de todas as disciplinas fóra do horario lectivo para incrementar a oferta de horas de pista. Tamén os deportes de auga precisan de máis e mellores instalacións, potenciando o uso do Lérez para esta fin e chegando a un acordo definitivo sobre o uso da piscina olímpica de Pontemuíños.
  • Potenciarase a creación de equipos femininos en todas as disciplinas deportivas, especialmente naqueles deportes tradicionalmente masculinos, de tal xeito, que as rapazas podan ter a mesma progresión deportiva que os rapaces a medida que van medrando. Crearanse, tamén, en todas as instalacións deportivas municipais vestiarios femininos, actualmente case inexistentes.

 

Cidadáns

  • Democratizar os espazos público-deportivos e habilitar instalacións para poder darlle uso en verán e inverno.
  • Organismo de coordinación contando cos representantes de clubes, asociacións, técnicos e profesionais de diferentes disciplinas, para potenciar tamén a practica de deportes minoritarios e permita a creación de competicións internacionais, entre outras posibles, aquelas que teñan como protagonista o río Lérez; como sería o caso de competicións de saltos.

 

Podemos

  • Extender o deporte á poboación que menos o practica, incluíndo as persoas maiores e as persoas con diversidade funcional (abrir pavillóns de centros escolares polas tardes con monitores).
  • Resolver as eivas da piscina olímpica: enerxías renovables e acordo coa fundación para valorar a municipalización.

 

VOX

  • Desenvolver o complexo deportivo da Parda coa construción de dous pavillóns multiusos e unha nova piscina municipal.
  • Mellorar o mantemento dos campos de fútbol, especialmente o da Xunqueira renovando a súa herba sintética e incluíndo espazos propios para os clubs.

 

Pontevedra Alternativa

  • APP Pon-Deporte: creación dunha aplicación móbil para a xestión de reservas dos espazos municipais para a práctica deportiva. Os clubes terán prioridade na reserva das horas, pero ofrecerase un acceso sinxelo á cidadanía para poder gozar das instalacións cando os clubes non as empreguen.
  • Abrir as instalacións deportivas dos centros escolares ao público. Na actualidade os cidadáns que queren xogar unha tarde non teñen a posibilidade de facelo sen saltar una valla ou mudar de municipio. Abrindo as escolas fora do horario lectivo gañamos espazo de práctica deportiva.

 

Espazo Común

  • Aumento da actual subvención municipal para o deporte base, que pase de 300.000 a 1.000.000 euros.
  • Construción dunha piscina municipal e pistas deportivas ao aire libre.

 

PACMA

  • Mellorar as instalacións deportivas existentes e construír novas instalacións nos barrios e comunidades locais, fomentando unha cultura deportiva de acceso público e gratuíto como alternativa de lecer para os mozos, así como instaurando campionatos de piraguas e/o traiñeiras no río Lérez que sirvan como referente da nosa cidade.
  • Apoiar aos deportistas locais mediante bolsas e subvencións, fomentando o patrocinio de empresas, coa fin de axudar aos deportistas para financiar os seus adestramentos e viaxes para poder asistir a competicións, tanto a nivel nacional como internacional.