28M | A Pontevedra que propoñen: comercio

Pontevedra
21 de maio 2023

Nunha cidade na que o comercio de proximidade supón unha das súas principais actividades económicas, non podiamos ignorar as propostas que os nove partidos que se presentan ás eleccións municipais incluíron nos seus programas para o 28 de maio

Xente con bolsas da compra pola rúa
Xente con bolsas da compra pola rúa / Mónica Patxot

Nunha cidade na que o comercio de proximidade supón unha das súas principais actividades económicas, non podiamos ignorar as propostas que os nove partidos que se presentan ás eleccións municipais incluíron nos seus programas para o 28 de maio.

Hai moitas coincidencias á hora de impulsar campañas de promoción ou fomentar o consumo de produtos galegos, no medio de medidas orientadas a reducir a presión fiscal do sector ou a simplificación dos trámites administrativos para a súa apertura. Estas son as súas liñas de traballo.

 

BNG

  • Potenciación da función comercial de Pontevedra como cabeceira dunha ampla comarca mediante campañas específicas de promoción e mellorando a adecuación da cidade e os espazos comerciais ás necesidades do sector e, polo tanto, ou o que é o mesmo, á comodidade das persoas que mercan. 
  • Dinamizar o comercio de proximidade co desenvolvemento de iniciativas de incentivación do consumo no pequeno comercio, fortalecendo o tecido comercial e empresarial propio, apoiando o comercio local fronte ás grandes superficies comerciais e incentivando a compra de produtos de proximidade e galegos.

 

PP

  • Fomentar o comercio local a través de campañas publicitarias e de concienciación. Tamén se poden establecer alianzas coas asociacións de comerciantes locais para organizar eventos que fomenten a compra nos pequenos negocios.
  • Redución de impostos. Os comerciantes locais a miúdo teñen dificultades para competir con grandes empresas que poden ofrecer prezos máis baixos debido ao seu poder adquisitivo. Unha forma de abordar isto é reducir os impostos e as taxas para as pequenas empresas e os comerciantes locais. Isto permitiralles ofrecer prezos máis competitivos e atraer máis clientes.

 

PSdeG-PSOE

  • Impulso do comercio dixital, promovendo unha plataforma municipal de venda e distribución que adapte o comercio local ás novas formas de consumo e palíe a competencia salvaxe das grandes plataformas.
  • Fomentar o producto de proximidade e de quilómetro 0, en todo o comercio local, tamén nos mercados e feiras, como polos xeradores de actividade económica e turismo.

 

Cidadáns

  • Eliminación de badéns burocráticos con licenzas provisionais automáticas, coa presentación da declaración de responsabilidade ou comunicación previa e flexibilización ou moderación dos requisitos técnicos que non supoñan risco accidental.
  • Novas oportunidades en torno os centros multiusos de convivencia.

 

Podemos

  • Servizo municipal de reparto a domicilio cunha pequena achega dos comerciantes.
  • Incentivar o consumo de produtos locais e de proximidade.

 

VOX

  • Aplicación de bonos desconto en aparcamentos públicos vinculados co consumo no comercio local.
  • Aumentar o número de prazas e o período de estacionamento temporal desde os 15 minutos actuais ata as 2 horas.

 

Pontevedra Alternativa

  • O comercio e a hostalería son sectores estratéxicos na cidade. Por iso, é preciso establecer unha oficina específica para resolver os seus problemas coa maior brevidade posible.
  • Tramitación de licencias 'express' e modificación puntual do Peprica. Bonificación de baixos baleiros para todo aquel que queira emprender facilitar os trámites burocráticos e bonificar os baixos de aluguer baleiros no primeiro ano de actividade.

 

Espazo Común

  • Potenciar bonos desconto que promovan a compra no comercio local
  • Campaña do Nadal "Pontevedra en familia" que faga atractiva a cidade e convértana en complementaria á campaña do Nadal de Vigo.

 

PACMA

  • Implementar políticas fiscais que favorezan aos pequenos e medianos comerciantes como redución de impostos e simplificación de trámites administrativos cunha oficina de xestión administrativa que axude, simplifique e asesore á hora de iniciar a posta en marcha dun negocio na nosa cidade.
  • Establecer programas de capacitación e asesoramento para os comerciantes locais en temas de márketing, finanzas e xestión empresarial.