Os campionatos do Mundo de loitas de Pontevedra, que se inician esta semana coa competición de Grappling e que concluirán cos mundiais sub-23 de categorías olímpicas, contarán cunha das grandes estrelas absolutas deste deporte.
Trátase da xaponesa Yui Susaki, deportista de só 22 anos e que perseguirá na Boa Vila o 'Grand Slam' da loita, xa que pode converterse na primeira que gaña todos os títulos mundiais e tamén o ouro olímpico, segundo revela a Federación Internacional (United World Wrestling) antes de iniciarse a competición na Boa Vila.
Susaki, a pesar da súa mocidade, acumula un palmarés incrible, que estreou xa en 2017 en categoría absoluta ao vencer no Mundial disputado en París no peso de 48 quilos. Foi o seu primeiro ouro mundialista, ao que seguirían dous máis en 2018 en Budapest, xa en 50 quilos, e este mesmo ano 2022 en Belgrado. Por medio, a nipoa destacou nos Xogos Olímpicos de Tokyo conseguindo a medalla de ouro.
Só lle falta o triunfo en idade sub-23, polo que todos os ollos dos afeccionados á loita estará postos nela no Pavillón Municipal dos Deportes no Mundial Sub-23 que se celebrará entre os días 17 e 23 de outubro.
Susaki liderá en Pontevedra a un potente equipo xaponés, que contará con ata catro campións mundiais sénior, xa que xunto a ela estarán na cita Nonoka Ozaki e Miwa Morikawa, campioas mundiais en Belgrado, e tamén Akari Fujinami, moza de 18 anos ouro en 2021 e que se ausentou do último mundial.
Aínda por riba outros dous deportistas xaponeses, Sae Nanjo e Yasuha Matsuyuki, aspirarán na Boa Vila a conseguir segundo campionato mundial sub-23, mentres que Moe Kiyooka é o actual ouro mundial sub-20.
Con esa nómina de grandes talentos faise inevitable que todos os ollos miren ao que faga no Municipal a selección nacional de Xapón, o auténtico rival a bater.