A lei do ex liderada por Yelko Pino castigou o Algeciras no partido disputado na matinal deste domingo entre os andaluces e o Pontevedra CF. O xogador granate anotou os dous únicos goles dun partido que se terminou de poñer de cara en parte grazas ás expulsións de Pepe Mena, por agresión sen balón a Rufo, e de Albarrán, por unha forte entrada a Yelko na que viu a segunda amarela, conseguindo así tres importantísimos puntos antes do parón do Nadal.
Sen un claro dominador comezou o encontro, coa posesión cambiando de bando e sen ocasións claras para ambos os equipos. Si que tivo o Pontevedra un par de córneres case seguidos nos primeiros 10 minutos aínda que sen perigo para Pol Tristán.
Foi precisamente o gardameta local o que estivo moi atento para atallar a primeira chegada de perigo dos granates. Cumpríase o cuarto de hora e Abelenda filtrou un balón entre liñas cara a Rufo, que gañou as costas á defensa pero foi incapaz de chegar e atallou sen problemas o seteiro.
Estaban cómodos os xogadores de Antonio Fernández, moi atentos en tarefas defensivas realizando unha forte presión tras perda pero sen conseguir achegarse a portería rival.
E non tardou o Pontevedra en deixar patente que quería o gol custe o que custe. Sacou de banda o Algeciras e presionaron Yelko e Borja Domínguez a Van Rijn, Borja roubou e cedeu ao '10' , que sacou un disparo desde a media lúa que enchufó na rede defendida por Pol Tristán.
Co marcador en contra, foi o cadro local o que tomou o control do esférico, pero a ofensiva alxecireña non causou problemas a Cacharrón e aos seus homes ata os últimos minutos da primeira metade. Corría o minuto 42, centrou desde a dereita Carlos Albarrán e Luís Martínez lanzouse para despexar de cabeza a córner, desbaratando unha das ocasións máis claras do rival.
Despois do descanso non tardou en avisar o Algeciras cunha clarísima oportunidade. Balón en longo cara a Roni, este gañou as costas a Luís Martínez e plantouse diante dun providencial Cacharrón que salvou os mobles ao Pontevedra.
Viviron os locais os seus mellores minutos durante o primeiro cuarto de hora da segunda parte, ata que chegou a xogada que marcou o devir do encontro. Pepe Mena propinou un lapote a Rufo nunha xogada na que non había balón polo medio, o colexiado non o viu, pero o linier avisouno da agresión. Expulsión e falta a favor do Pontevedra que Yelko Pino enchufó na escuadra da portería de Pol Tristán subindo o 0-2 ao marcador.
Pero a pesar de xogar cun xogador menos, o Algeciras seguiu coa súa misión de atopar o gol e chegou á área dun Cacharrón que desbarataba as opcións. A tensión palpábase no ambiente e os locais empezaron a entrar con forza sobre os xogadores do Pontevedra. Un deles foi Albarrán, que fixo unha forte entrada a Yelko Pino e viu a segunda amarela cando o partido entraba no minuto 80.
Estaban os andaluces con dous xogadores menos sobre o verde e iso notouse nos compases finais, cos de Antonio cómodos aproveitando esa superioridade para matar o encontro en campo contrario e chegar ao final respirando aliviados.
ALGECIRAS CF (0): Pol Tristán, Albarrán, J. Figueras, Van Rijn (Unai Veiga, min. 75), Ale Benítez, Iván T., Pepe Mena, O. Siddiki (Mizzian, min. 66), David Martín (Juan Serrano, min.66), A. Romero (César García, min. 81) e Roni.
PONTEVEDRA CF (2): Cacharrón, Samu Araújo (Masogo, min. 85), Churre, Miguel Román, David Soto, Brais Abelenda (Álex González, min. 58), Rufo (Jon Bakero, min. 73), Yelko, Alberto Rubio (Oier Calvillo, min. 85), Borja Domínguez (Mario Ortiz, min. 58) e Luís Martínez.
Goles: 0-1, Yelko Pino (min. 24). 0-2, Yelko Pino (min. 64).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de liga na Primeira RFEF disputado no Nuevo Mirador de Algeciras ante 3.288 espectadores.