O plantel do Pontevedra confía en darlle a volta á eliminatoria fronte ao Deportivo Aragón o vindeiro domingo 19 (18.00 horas) en Pasarón. Así o defendeu este mércores en rolda de prensa unha das voces autorizadas do vestiario granate, Yelko Pino.
"Estamos concienciados de que queremos levantar esta eliminatoria, de que o podemos facer, que a nosa xente vai axudar e non pensamos noutra cousa", asegurou o centrocampista seguro de que "imos remontar".
Yelko recoñece que na ida en Zaragoza "quizais en momentos do partido faltounos un pouco de ambición, de ir a por o partido", ao que se suma a situación creada ao redor das accións a balón parado. "Despois de tantas xornadas recibindo a balón parado vívese con certa inquietude cada vez que hai un córner, pero melloraremos, tentaremos cambiar cousas, estar máis atentos. É tamén máis un tema de concentración e de atención e creo que este é un partido suficientemente importante para que esteamos ao 100% tamén nestas cousas. Tentaremos que non volva suceder", explicou o futbolista vigués.
Chegados a este punto, a receita para o choque de volta tena clara o 10 granate, xa que "sabemos que só nos vale gañar. Temos que ser un equipo moi agresivo tanto en ataque como en defensa, pero non nos podemos volver tolos e atacar sen control porque a eliminatoria cun gol e gañando o partido superariámola".
"É o momento definitivo, non podemos fallar, sabemos o que fixemos mal e sabemos que temos que confiar en nós mesmos, porque este grupo fixo unha gran tempada", afirmou Yelko vendo a visita do Deportivo Aragón como "unha oportunidade de darlle unha alegría á nosa xente, que se volva a meter, que siga crendo en nós porque o equipo estou seguro que este dominmgo vai deixar a pel".
Todo iso cun apoio das bancadas dun Estadio Municipal de Pasarón que pode resultar decisivo, e é que "entendo que a xente poida estar enfadada ou molesta connosco polo partido do outro día, pero quero pedir o apoio da xente porque todos estamos no mesmo barco e estamos seguros de que con eles vai ser moito máis fácil", concluíu o xogador do equipo pontevedrés.