Na súa terceira tempada no Pontevedra Club de Fútbol, Yelko Pino está chamado a ser unha das referencias do equipo no seu obxectivo de recuperar a categoría perdida.
O '10' granate, que viviu na parte final do pasado curso momentos complicados na Boa Vila, asegura que a pesar de todo e con contrato en vigor "a miña intención sempre foi continuar aquí. Xa dixen moitas veces que sinto este club como a miña casa, estou moi cómodo e síntome reflectido cos valores do club. Para min xogar en Pasarón cada 15 días é unha marabilla", defende o vigués.
Ademais Yelko ten unha obsesión, a de "resarcirnos da tempada pasada. Creo que este ano é o ano de devolverlle á xente o que lle quitamos o pasado", polo que está "con moitas ganas" de que rode o balón.
En canto á súa participación no equipo o centrocampista asegura estar "moi cómodo, estou a gozar moito e estou seguro que o imos a facer durante toda a tempada", porque "o modelo que propón o míster é moi favorable para min, tentando sempre ter o control do partido, a posesión da pelota."
Yelko: "Creo que desde que cheguei tiven un rol importante e quero seguir téndoo"
Así o demostrou durante unha pretempada na que "participei bastante. Creo que desde que cheguei tiven un rol importante e quero seguir téndoo, e máis se cabe con esa espinita cravada do ano pasado por non darse ben as cousas", reafirma.
Xa centrado na estrea do domingo 3 de setembro (19.00 horas) fronte á Gimnástica de Torrelavega, dálle moita importancia para "empezar fortes, marcando o ritmo desde o principio, que non se escapen puntos, e sobre todo en Pasarón facernos moi fortes para ser un equipo que desde o primeiro día estea arriba".
Yelko non escapa ademais da presión de ser un dos favoritos ao ascenso, e é que "sabemos que todos os equipos contra os que xoguemos van estar moi motivados. Nós somos o Pontevedra, en teoría uno dos rivais ou o rival para bater, e entendemos que os demais equipos van saír sempre con todas as ganas do mundo de gañar". Por iso defende que "temos un bo equipo pero á parte de xogar ben e facer as cousas ben temos que igualar esa intensidade e esa forza coa que saian eles para despois aproveitar a nosa calidade e o noso fútbol".
Todo iso sobre un verde de Pasarón ao fin renovado e que "ten unha pinta estupenda. Fáltalle por asentar un pouquiño os tepes que puxeron pero vai ser marabilloso poder xogar alí". Palabra do '10'.