Crítico e enfadado coa arbitraxe. Así se mostrou Yago Iglesias despois da polémica derrota do Pontevedra Club de Fútbol fronte ao Rayo Cantabria.
A valoración do partido para o técnico granate "non é positiva polo resultado", pero si porque "o equipo quixo gañar desde o minuto un e foi superior con once e con dez". Os locais "de dúas chegadas sacan rendemento e nós ímonos realmente prexudicados co que foi a arbitraxe", sinalou.
De feito é que esta derrota e o triunfo do Numancia nOs Pajaritos supuxo un cambio de líder no grupo 1 de Segunda Federación, por iso Iglesias subliña que de face ás 10 xornadas que restan, "o que vimos neste campo prexudícanos".
Segundo analizou o adestrador lerezano, as situacións de gol dos cántabros son "porque nós non defendemos ben. Xeramos moitas ocasións e hai que ser igualitarios, até os propios xogadores do Rayo Cantabria admiten que foi man. Ademais, é unha xogada clave, na continuidade é a expulsión de Pelayo e creo que non é ocasión manifesta de gol", criticou, xustificando que hai imaxes da xogada na que se ve de forma clara que hai man do xogador local.
A pesar diso, Iglesias considera que "aínda con dez fomos dominadores e xeramos, pero o seu porteiro volve ser o mellor do equipo contrario. Hai que analizar os dous goles encaixados, pero o Pontevedra demostrou por que até agora era líder; demostrou que quere gañar a liga e que quere estar noutro nivel a tempada que vén".
Neste sentido, o técnico indicou que, durante os 90 minutos "non nos puxeron en problemas. Todos os cambios foron para refrescar o medio campo e poder defendernos. Saíulle ben, oxalá cumpran o obxectivo"
"Nós", en cambio, "imos seguir na nosa liña, imos pensar en nós. Estou realmente enfadado porque hoxe nos imos realmente prexudicados. Hai noutros partidos nos que non se pode dicir nada, pero hoxe o Pontevedra merecía, polo menos, empatar o partido".