O adestrador do Pontevedra CF, Yago Iglesias, expresou a súa satisfacción tras a sufrida vitoria no campo do Coruxo, un resultado que permite ao equipo granate meterlle presión ao líder Numancia.
Os granates tiñan claro da dificultade de xogar no Vao, "un campo no que costa sacar puntos". Ademais, "sabendo que o Numancia deixara dous puntos era importante para nós, máis aló de achegarnos na clasificación, facer un bo partido".
O adestrador granate analizou o desenvolvemento do partido, sinalando que "foi o que esperabamos, cerado e con poucas ocasións". Con todo, resaltou o dominio do Pontevedra "desde o minuto 10 da primeira parte" e eloxiou o xogo do Coruxo, que obrigou o Pontevedra a tirar de balóns en longo coa presión en Fontán.
"Para nós sempre que gañemos é unha boa xornada", afirmou Iglesias, quen tamén valorou os resultados dos rivais directos. "Vendo o resultado de Avilés, Valladolid, Bergantiños... a estas alturas da película o obxectivo que tiñamos era coller distancias dos equipos que marcan o playoff, aínda que isto vaise a decidir nas últimas dez xornadas", analizou.
Ademais, Iglesias tamén fixo fincapé na importancia de lograr a vitoria no último minuto, algo que para el como adestrador do Pontevedra "é unha sensación nova", e destacou a rotación de xogadores nos últimos partidos fóra de casa, buscando un maior equilibrio na zona do centro do campo.
Por último, agradeceu o apoio da afección desprazada a Coruxo e manifestou a súa satisfacción e orgullo "de ser o adestrador dun club que ten esta masa social e este sentido de pertenza. É encomiable ver o que fan e como animan. Cando xogamos fóra, preto de casa ou outra comunidade sempre hai afeccionados vestidos de granate. Marchamos moi contentos por dar esa alegría, tres puntos sempre gustan, pero se son na última xogada saboréanse máis".