O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, valorou a vitoria 3-1 ante o Salamanca, un rival que "é o que espérabamos", recoñeceu, e ante o que os granates deron a talla.
"Creo que o resultado é xusto; mesmo queda curto", valorou na rolda de prensa posterior ao encontro en Pasarón.
Iglesias lembrou que o Salamanca está en postos de playoff e é un equpo que "compite moi ben, sobre todo, lonxe do seu campo", de modo que "sabiamos da dificultade". E é que insistiu en que "si non me equivoco, é o seu primeiro partido que perden fóra de Salamanca, o cal fala do ben que o están facendo", sinalou.
Analizando o avance do partido, destacou que os granates fixeron "o máis difícil", porse por diante no marcador ao comezo do encontro. A partir de aí, considera que tiveron "un bos dez minutos seguintes ao gol", pero recoñece que "non acabamos de xerar o suficiente como para marcar o segundo".
Nese momento, chegou o empate e un intervalo de 10-15 minutos no que o Salamanca "dá un paso adiante". Tras o empate, "iguálanos tanto no marcador como a nivel de xogo e ímonos ao descanso", sinala.
Xa na segunda parte, lograron "volver outra vez ao plan de partido, a levalo onde nós queriamos", que era tentar, na medida do posible, facer que correse detrás da pelota.
Esa segunda parte, segundo o adestrador, "foi o que habitualmente é o Pontevedra" e sinala que están "contentos pola vitoria", aínda que "tristes" pola posible lesión de Cambil.
De momento, non teñen un diagnóstico, pero recoñece que "non ten moi boa pinta". O xogador entrou 10 minutos para dar consistencia defensiva cando o Salamanca estaba a xogar máis directo e lesionouse. Marcou o terceiro gol xa lesionado. "É algo inexplicable", considera o técnico granate.
A xogador nota unha molestia no xeonllo e teñen que valoralo. "Esperemos que sexa algo o mínimo posible, pero é a parte negativa do partido de hoxe", insistiu Iglesias.
O adestrador referiuse, a preguntas da prensa, ás decisións arbitrais. Moi cauto, lembrou que "non é nada fácil arbitrar", pero, a continuación, insistiu que "a nós é fácil arbitrarnos porque somos un equipo limpo".
"Aínda así, ímonos con moitos cartóns semana tras semana", lamentou, tras insistir en que este equipo busca "que se xogue o máximo posible, que a pelota estea en movemento o maior tempo posible", pero están xa "moi afeitos a perdas de tempo desde o primeiro momento, a cortar con moitas faltas ".