O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, valorou positivamente o rendemento dos seus xogadores tras a apurada e traballada vitoria en Pasarón fronte ao Bergantiños.
Un rival, que asegura o técnico, "esperabamos que se abrise un pouco máis, que fose ese Bergantiños que estabamos afeitos ver contra outros rivais, pero como xa falamos moitas veces os equipos cando veñen xogar contra o Pontevedra cambian cousas, e neste caso creo que optaron por un plan de partido un pouco conservador".
"Creo que na primeira parte hai dúas, tres situacións nas que eles si que son capaces de correr sen chegarnos a xerar ocasión. Na segunda parte, creo que non houbo nada diso", analizou Iglesias.
Un partido en todo caso no que "xeramos ocasións claras antes do gol" antes de decidirse a balón parado, sinalou o adestrador local.
Esta formulación do rival repetiuse nos últimos tempos, pero "a tempada pasada este tipo de partidos seguramente se nos atragantaría, non seriamos capaces de quitalo adiante, e este ano, tanto este partido como o da semana passada de Coruxo pois conseguimos os tres puntos", valora Yago.
Unha das novidades do once foi o debut como granate do central Pelayo Suárez, que para o seu adestrador estivo "moi ben, a verdade é que mellor do esperado. Gustoume máis en competición que o que lle vimos estas dúas semanas adestrando. Paréceme que é un xogador de domingo. Creo que o nivel, sobre todo para o que buscamos nesa posición que é contundencia, que é agresividade, déunolo. E despois con balón, que somos un equipo que ten moito tempo na pelota, non estivo mal", asegurou.
Por último Yago Iglesias fixo referencia na súa comparecencia ao liderado provisional, á espera do que faga este domingo o Numancia. Un aspecto que "é algo anecdótico a estas alturas pero sempre gusta verse aí, sobre todo cando fai moi poquitas semanas víasche moi distanciado deles".