Con bo sabor de boca quedou Yago Iglesias pola actuación do Pontevedra en Escobedo e o seu sólido triunfo por 0-2.
"Para nós era fundamental sumar de tres aquí para seguir mirando ao alto da clasificación, e creo que o equipo fixo un partido moi bo, por non dicir perfecto, buscando sempre estar en campo contrario, apertando no campo do Escobedo, porque é un equipo que xera perigo no xogo directo", analizou o técnico.
De feito "ímonos cun 0-2 e até non sabe a pouco pola cantidade de ocasións que tivemos", afirmou Iglesias.
E é que entre os deberes dos granates volveu a estar nalgún momento a falta de puntaría. É a única mínima pega do encontro porque "creo que na primeira parte o equipo é capaz de meter eses dous goles e na segunda podían ser máis, no debe aínda está desas moitas que xeramos ter un pouco máis de acerto", defendeu Yago.
Para o preparador ademais "Edu hoxe foi un espectador máis e iso fala moito e ben da fase defensiva, e do equipo que aperta alto e non meter o cu atrás".
Por último Yago mostrouse preocupado polo estado de Churre, tras unha fea entrada sufrida na última xogada do partido. "É unha acción fóra de lugar, veremos como evoluciona ao longo da semana pero esperemos que non sexa nada", sinalou.