O ascenso a Primeira RFEF por parte do Pontevedra Club de Fútbol terá que esperar, polo menos, ata a tempada que vén. O conxunto granate caeu eliminado este domingo no Estadio Municipal de Pasarón ante un Betis Deportivo que "fixo un partido de moito nivel" e que ten xogadores "de moita calidade".
De feito, tal e como recoñeceu Yago Iglesias na rolda de prensa de despois do encontro, "é un equipo que transita ben e, na segunda que teñen, vai para dentro". Con todo, a vitoria dixo que estivo "nos pequenos detalles", e é que o Pontevedra tivo "un par de situacións de Charly e de Chiqui" na primeira parte, pero unha vez márcanche o primeiro gol "é difícil remontar".
"Na primeira parte houbo moitos resbalones e controis que se nos escapaban. Estamos habituados a ter accións moito máis limpas e iso vaiche penalizando", admitiu. Si é verdade que "pasados os primeiros 15-20 minutos asentámonos no campo e chegaron algúns achegamentos, pero si é certo que vimos dunha eliminatoria en casa -contra o Deportivo Aragón- na que chegabamos con moita facilidade a área rival".
Agora toca restablecer e pensar na tempada que vén, na que aínda non se sabe se Iglesias continuará como adestrador. "En ningún momento falouse máis aló, imos ano a ano. Cando se inicia a tempada fálase dun proxecto, pero ao final os proxectos no fútbol dependen de moitos factores". Hai que "asimilar isto porque é moi inxusto para o que foi o equipo toda a tempada. Quédame unha pena enorme polos momentos clave, como foi o partido de Ourense, e hoxe non darlle á xente o que quería, o que todos queriamos, por nós mesmos e os xogadores. Están afundidos", lamentou.
"É unha pena e sábeme mal non ter un día de festa en Pasarón. Traballas entre semana e despois estás aquí con 10.000 persoas que esperan moito de ti. É complicado, non deixamos de ser persoas. Temos o noso día a día, os nosos días mellores e días peores. Ao final os números están aí, a tempada foi incrible pero no último mes torcéusenos. Cando parecía que iamos dar un paso adiante, que todo pintaba da mellor maneira posible, veunos de volta", afirmou.
"Teño varias experiencias destas, fódeme moito, pero ao final isto é fútbol. Farame mellor adestrador e mellor persoa, aínda que me gustaría ascender co Pontevedra no meu primeiro ano. Agora hai que tirar para diante", subliñou.