O Pontevedra Club de Fútbol xa pensa na fase de ascenso e así o demostrou o seu adestrador, Yago Iglesias, no encontro deste domingo ante o Villalbés. "Queriamos competir ata o último día tendo en conta a xestión do plantel" e "acabar cunha vitoria aínda que a nivel clasificatorio non tivese repercusión", recoñeceu en rolda de prensa.
Neste sentido, o técnico admitiu que buscaba que o equipo non baixase o ritmo neste tramo final de competición e, aínda que non está contento coa segunda metade, "quedamos con cousas. Os xogadores quéreno facer o mellor posible e o que buscabamos era que a nivel individual collesen sensacións".
Finalmente, e en relación á complicada semana que se aveciña e os posibles rivais que terá o Pontevedra, Iglesias afirmou que os viu de esguello "e os catro son moi bos equipos. O que toque, tocará. Veremos que nos depara o futuro e traballaremos durante a semana".
Non cambiará a idea de xogo, pero si "lle daremos unha serie de matices en función do rival e do terreo de xogo no que nos toque xogar. Temos que centrarnos en nós", concluíu.