O empate ante o Deportivo Fabril serviu ao Pontevedra Club de Fútbol para certificar a segunda praza en Segunda RFEF coa que, xa sen opcións de ascenso directo, afrontará polo menos con vantaxe de campo o play-off.
Ese era ante todo o primeiro obxectivo do equipo adestrado por Yago Iglesias. "Sabiamos que o Zamora ía gañando e tiñamos que puntuar para pechar a posición" e, aínda que "viñamos coa idea de centrarnos en nós e volver ter boas sensacións, si que te vas decatando dos resultados", explicou.
"O Zamora ía gañando e tiñamos que puntuar. O Fabril márcanos o gol e quedamos xeados", asegurou. E é que ao Pontevedra pasoulle o que vén sendo habitual nas últimas xornadas, recibindo goles na última xogada do partido que enmudecen tanto a equipo como a afección. Con todo, "hoxe tocounos a nós en contra e a favor", ademais nunha xornada "na que aseguramos a segunda praza e permítenos ter unha semana para prepararnos".
En canto ao xogo do equipo, Yago Iglesias indicou que o seu equipo en fase ofensiva "estivo na liña de toda a tempada, pero faltounos o 'punch' último. É a imaxe do Pontevedra no último mes, xeramos moito, pero non estamos acertados, en cambio eles xérannos ocasións que nos están penalizando moitísimo. Tentamos facer de todo pero é unha psicose e hai que poñerlle fin canto antes", subliñou.
Agora, o cadro granate debe "asumir os erros. Ten que haber intención e acción. O equipo demostrou que é fiable, que xera e tamén solvente atrás aínda que nas últimas xornadas fallounos. Somos o segundo mellor equipo na casa e fóra. Afrontámolo con naturalidade e conscientes de que terminou a tempada regular e temos que prepararnos para o play-off".