Yago Iglesias terá un staff de cinco técnicos no que Álex Otero fará de axudante e preparador físico

Pontevedra
18 de xullo 2023

O corpo técnico está formado polos recentemente chegados Adrián Docampo (analista) e Jonatan Fernández Ouviña (recuperador), os retornados Manu Barros (fisioterapeuta) e *Álex Otero (segundo adestrador e preparador físico) e o veterano adestrador de porteiros Moncho Martínez

Manu Barros, Joni Fernández, Álex Otero, Adri Docampo  e Moncho Martínez compoñen o corpo técnico de Yago Iglesias
Manu Barros, Joni Fernández, Álex Otero, Adri Docampo e Moncho Martínez compoñen o corpo técnico de Yago Iglesias / Pontevedra CF SAD

O Pontevedra xa ten todo preparado para iniciar este mércores unha nova aventura. Mentres os futbolistas do primeiro persoal pasaban o pertinente recoñecemento médico previo ao comezo dos adestramentos, o club presentaba en sociedade aos integrantes do novo corpo técnico granate. 

O máximo responsable será Yago Iglesias, que terá como man dereita a Álex Otero. O técnico xa formara parte do corpo técnico de Ángel Rodríguez, exercendo como readaptador, pero coa fichaxe de Iglesias polo Zamora abandonou Pasarón deixando un oco no corpo técnico que non se ocupou ata este ano, dúas tempadas despois. 

Otero será o responsable da preparación física do primeiro equipo e exercerá tamén como axudante do propio Yago Iglesias. 

O posto de analista será para Adrián Docampo. O responsable de realizar informes do rival e as sesións de vídeo xa estaba o pasado ano na casa granate, era o adestrador do equipo infantil de liga galega. Antes formara parte da estrutura do Marín.

No apartado de recuperación de futbolistas, destaca a presenza de Manu Barros. O fisioterapeuta pontevedrés regresa a Pasarón despois da súa abrupta saída no verán do 2018 para encargarse dos problemas físicos e musculares dos xogadores do primeiro equipo. 

Unha faceta na que estará asistido por Jonatan Fernández Ouviña, que se encargará dos labores de readaptación para facilitar a reincoporación ao grupo dos xogadores que saen de lesión.

Á fronte da preparación dos porteiros continuará Moncho Martínez, que é o único integrante do corpo técnico do curso pasado que continúa no club tras a decisión de non prorrogar o contrato de *Álex Salgado nin Dani Vilas.