Yago Iglesias: "Somos conscientes de onde imos, do que somos e do plan de partido que queremos facer"

Pontevedra
28 de marzo 2025
Actualizado: 17:42

O Pontevedra buscará nas Eiroas o primeiros tres puntos a domicilio de 2025 ante un Bergantiños que fixo pleno de puntos no últimos seis partidos e que está "a render a un nivel altísimo"

Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra e Guijuelo en Pasarón
Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra e Guijuelo en Pasarón / Cristina Saiz

Só restan seis partidos para que conclúa a tempada e no Pontevedra Club de Fútbol teñen claro que parte do ascenso pasa por conseguir un bo resultado fronte ao Bergantiños e o Llanera, "dous dos mellores equipos das últimas xornadas" que están "a render a un nivel altísimo".

O máis inmediato será este domingo nas Eiroas (17:00 horas), un "campo moi complexo de herba artificial no que costa moito sacar o tres puntos", sinalou o técnico granate, Yago Iglesias. Ademais, nesta ocasión hai que sumar a dinámica positiva na que se atopa o Bergantiños, que fixo pleno de puntos no últimos seis partidos disputados.

"Somos conscientes de onde imos, do que somos e do plan de partido que queremos facer", indicou Iglesias. O estilo de xogo do conxunto coruñés é similar ao do Pontevedra, "expón o mesmo independentemente de si xoga na casa ou fóra e tenta dominar desde a posesión", polo que "imos atopar a un equipo valente" que vai seguir pelexando por meterse nos play-off.

Pero o bo facer duns contrasta co dos outros, polo menos, a domicilio, e é que os granates no que vai de ano aínda non saben o que é gañar fóra da casa.

"Queremos gañar sempre e as dinámicas están moi ben, pero cada partido cambia. Que cambiou da primeira volta a esta? Que non marcas as que tes, pero a condición de que o equipo siga o camiño e dando sensacións de que está nos partidos, estaremos máis preto de volver gañar. Que mellor momento que agora?", preguntou Iglesias.

O adestrador tamén insistiu en que hai que darlle mérito ao que está a facer o Pontevedra, especialmente despois da semana pasada ao conseguir abrir unha "pequena brecha" de sete puntos fronte ao inmediato perseguidor.

"En todos os grupos menos o cinco a distancia é dun ou dous puntos e, aínda que aínda non hai nada feito, son datos a ter en conta. Ata que matematicamente non sexa así, non hai nada feito. Estamos focalizados no que toca, pero somos conscientes de que queda moito. Este fin de semana tentaremos seguir con esa vantaxe e, si os demais fallan, aumentaría. Cremos que a competencia dos equipos da parte alta é enorme, pero temos que centrarnos no noso", lembrou.

E é que a situación na que se atopa nestes momentos o club está a verse reflectido entre a afección granate. Para o técnico, "o máis bonito do fútbol e de ser adestrador do Pontevedra é esta gran 'Marea granate'. A tempada pasada tocounos en Compostela e houbo unha entrada brutal e este ano en Galicia fixéronse sentir. É fundamental".

Para o encontro fronte ao Bergantiños o equipo, en xeral, "está ben. Empezamos a semana con dous días de descanso xa que despois de tres partidos en sete días queriamos que o persoal descansase tanto física como mentalmente. Pelayo foise dosificando ao longo da semana, pero as sensacións son boas e estaremos pendentes do adestramento de mañá" para ver se entra na convocatoria.