"Sempre queremos gañar pero ao final agora mesmo o resultado é secundario", defendeu Yago Iglesias tras o segundo amigable de pretempada do Pontevedra Club de Fútbol, que finalizou con derrota pola mínima no campo do Coruxo mercé a un penalti en contra nos últimos minutos.
"Xa vimos un ritmo máis alto en comparación coa semana pasada, contra un equipo da nosa liga. Ao final o resultado é un erro, un gol no último minuto pero creo que o nivel foi moi alto, as cousas que o equipo está a adestrar está a asimilalas ben", afirma o técnico granate.
A Iglesias o visto sobre o terreo de xogo do Vao empézalle a gustar, a pesar de que aínda falte traballo e axustes para lograr a mellor versión do que busca para o novo Pontevedra.
"Quedamos cos equipos das dúas partes que competiron ben e aos poucos van asimilando as ideas que temos e a verdade é que nos imos contentos co traballo que o equipo fai no campo. Ao final xeramos moitas ocasións de gol, hoxe non quixeron entrar, pero esta é a liña e seguro que iremos axustando cousas e o equipo cada vez competirá mellor", defende.
De feito, máis aló dos amigables de preparación, Yago pon unha cita para empezar a ver ao Pontevedra na súa versión máis seria, porque "imos ter un competición como a Copa Federación dentro dunhas semanas que aí si imos competir para pasar elminatorias".
O próximo partido na pretempada granate disputarase o vindeiro sábado 5 de agosto fronte a outro rival da súa categoría, o Racing Villalbés, na localidade lucense de Ribadeo.