Yago Iglesias responde o adestrador do Numancia: "Espero non facer iso nunca na miña vida e, o dia que o faga, que me quiten disto"

Pontevedra
23 de marzo 2025

O técnico granate recoñeceu non escoitar as declaracións pero quixo resolver a polémica derivada do partido do mércores: "As imaxes están á vista"

Partido entre Pontevedra CF e CD Numancia en Pasarón
Partido entre Pontevedra CF e CD Numancia en Pasarón /

Na rolda de prensa de despois da partida fronte ao Coruxo, o adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, foi preguntado acerca das duras acusacións realizadas por Aitor Calle, técnico do Numancia, do pasado venres.

A diferenza da previa do partido, Iglesias respondeu de forma crítica e resolveu calquera tipo de polémica que poida xurdir a partir de agora.

"Dixéronme que non falou moi ben de min. Parece que teño unha varita máxica. Non o escoitei nin o vou a escoitar porque non me vai a achegar nada. Di que eu xa tiña prevista esa xogada e tiña preparado a un xogador para cortar, pero as imaxes están á vista", sinalou o técnico. "Hai unha infracción porque Yelko entorpece pero non de forma directa, é o liña o que o leva", recoñeceu.

Así mesmo, o adestrador granate indicou que "en quente non son consciente do que pasa ao meu ao redor. Non hai imaxes onde diga nada -en relación a que, segundo Calle, é el quen lle di a Yelko que se meta no campo-. É unha xogada fortuíta, dentro do vórtice do desconto, onde nos estamos xogando moito, hai unha xogada na que atacamos e fanlle unha falta clara a Rufo. Despois hai unha transición e -os xogadores do Pontevedra- levántanse do banco para tentar desconcentrar ao xogador rival, pero de aí a que sexa o artífice paréceme incrible".

Independentemente diso, para Yago Iglesias, Aitor Calle "é bo adestrador e ten un equipazo, pero evidentemente entre colegas de profesión é pouco ético facer eses comentarios".

Por iso "espero non facer iso nunca na miña vida e, o dia que o faga, que me quiten disto. Isto vai de maneiras de entender estas cousas, hai días que che pitan mellor ou peor. Hai días que tes máis fortuna ou menos. Ou che pitan un penalti ou che pitan sete en toda a tempada. Non vou valorar", sinalou.

Iglesias quere "resolver por completo" esta polémica, especialmente habendo unha imaxe "que se ve clara. Yelko estivo amolado toda a semana. Na xogada está 'apirolao' e cóllelle o liña. Non lle deixa facer o seu traballo, pero é un lance. Non ten que estar aí, como tampouco o seu banco e o resto de xogadores, pero velo no día a día", concluíu.