O Pontevedra Club de Fútbol afronta este domingo ás 12:00 horas en Zaragoza o primeiro partido do play-off de ascenso a Primeira RFEF.
"O equipo está cento por cento mentalizado no que vén por diante e ilusionado polo reto de xogar nun estadio de primerísimo nivel" como é a Romareda, recoñeceu o adestrador Yago Iglesias na rolda de prensa previa ao encontro.
En canto ao Deportivo Aragón, Iglesias aseméllao ao Rayo Cantabria. "É un filial atípico. Ten xogadores de moita talla e altura, xente rápida e de calidade que debutou en segunda e que cando baixan soben o nivel". Ademais, "está moi cómodo sen balón", algo que o distingue do resto de filiais aos que o conxunto granate estívose enfrontando ao longo da tempada.
En todo caso, o adestrador saca de positivo o terreo de xogo de herba natural no que visualiza ao seu equipo "na súa mellor versión como en moitos tramos da competición".
Gustaríalle "vir para casa cunha vitoria", pero prefire ser cauto e ten claro que "é un partido de 180 minutos e dous escenarios distintos. As eliminatorias non se poden tirar nos 90 primeiros minutos, quero gañar e vir a Pontevedra cun paso dado". Espera, iso si, "un primeiro partido de tenteo e a partir de aí será longo. Temos que manexar mini partidos, a eliminatoria será longa e vaise a definir no segundo partido". En todo caso, Yago poderá contar "con todos os xogadores" para a expedición.
Este partido, do mesmo xeito que a volta do domingo 19 (18.00 horas) en Pasarón, será retransmitido en directo pola segunda canle da TVG, segundo confirmou a televisión galega.