Yago Iglesias, adestrador do Pontevedra CF: "Seremos fieis ao noso estilo ante un Mallorca de enorme calidade"

Pontevedra
02 de xaneiro 2025
Actualizado: 19:49

O míster granate recoñece que haberá algún cambio no once inicial respecto ao último partido ligueiro pero admite que quere que a afección se sinta recoñecida polo que fai o equipo nesta nova eliminatoria da Copa do Rei

Yago Iglesias, adestrador do Pontevedra C.F.
Yago Iglesias, adestrador do Pontevedra C.F. / PontevedraViva

O adestrador do Pontevedra C.F., Yago Iglesias, compareceu este xoves en rolda de prensa para analizar o partido de dezaseisavos de final da Copa do Rei que enfrontará o club granate co RCD Mallorca este venres en Pasarón (19.00 horas), nun encontro que promete encher as bancadas do estadio municipal.

"Somos conscientes de que nos enfrontamos a un rival de moitísimo nivel, cun equipo moi físico e xogadores de enorme calidade", sinalou Iglesias, quen destacou que o conxunto balear xogará nos vindeiros días "a Supercopa de España e destaca polo seu ritmo e intensidade", sinalou sobre o equipo de Jagoba Arrasate, que figura sexto na clasificación de Primeira División.

Iglesias recoñece que o Mallorca é "moi físico" e destaca pola súa estrutura en defensa.

O técnico granate confirmou que ten a todo o plantel dispoñible tras o parón navideño e asegurou que o equipo afronta o encontro "coa mesma ou máis motivación que nas eliminatorias anteriores".

"A medida que pasas de fase, o nivel aumenta en canto a rivais, pero queremos que a afección se sinta recoñecida polo que fai o equipo", explicou.

Sobre o plantexamento do choque contra os baleares, Iglesias foi claro: "Seremos fieis ao noso patrón de xogo, iso é incuestionable. É algo que nos fai diferentes e é o camiño que nos trouxo ata aquí. O Mallorca sabe o que se vai atopar", afirmou con contundencia explicando que o ADN do Pontevedra non se pode cambiar dun día para outro.

"Haberá algún cambio respecto ao último partido en Ávila, pero seguiremos a mesma liña que levamos nos últimos dous meses, onde variamos tres ou catro futbolistas segundo o rival", adiantou o adestrador sobre o posible once inicial.

En canto ao estado físico do equipo despois de varias xornadas sen adestramentos durante estas festas de Nadal, Iglesias recoñeceu que "necesitabamos un descanso e somos o equipo da categoría que menos parou. Aínda que quizais precisabamos algo máis de tempo para preparar o partido, o equipo adestrou ben esta semana", indicando que era preciso un descanso tanto físico como mental.

"Vai ser unha boa noite de fútbol, cun ambiente de fútbol profesional que os xogadores se gañaron neste 2024, sobre todo nos últimos meses. Agardamos que mañá continúe e cada vez se sume máis xente ao barco do Pontevedra C.F.", concluíu o técnico granate agardando que "poidamos ver un Pasarón cheo".